Os clásicos xogos de loita de Marvel e Capcom terán un novo recompilatorio

mércores, 14 de agosto do 2024 Marcus Fernández

O fenómeno de xogos de loita liderado por Street Fighter II contou cunha grande participación por parte de Capcom, compañía que optou por tirar proveito dos personaxes da Marvel para lanzar en 1994 X-Men: Children of the Atom, xusto cando en televisión estaba a arrasar unha serie de animación da Patrulla X, conseguindo así unha grande aceptación do público.
Tal foi o fenómeno que Capcom ampliou o repertorio de loitadores a todo o Universo Marvel e mesmo ousou a crear crossovers con Street Fighter, dando lugar a toda unha serie de títulos que este mesmo ano van recoller nunha nova recompilación: Marvel vs. Capcom: Fighting Collection Arcade Classics.
Esta recompilación de xogos estará dispoñible para PC (Steam), Nintendo Switch e PlayStation 4, plataformas nas que poderá gozarse dos xogos clásicos con filtros para recrear a experiencia das máquinas recreativas orixinais e coa posibilidade de xogar en liña con usuarios de todo o mundo.
Os xogos incluídos no lote serán X-Men: Children of the Atom, Marvel Super Heroes, X-Men vs. Street Fighter, Marvel Super Heroes vs. Street Fighter, Marvel vs. Capcom: Clash of Super Heroes, Marvel vs. Capcom 2: New Age of Heroes e un título adicional que non encaixaría no xénero de loita, pero que sería a primeira colaboración entre Capcom e Marvel: The Punisher.

Vídeo promocional da nova recompilación de xogos de loita