Os clientes de CaixaBank xa poden operar con Apple Pay

mércores, 18 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Os principais sistemas de pagamento móbil continúan a espallarse moi paseniño en España, para desesperación dos seus potenciais usuarios, que pese a ter dispositivos compatibles teñen que facer fronte á frustración de non poder aproveitalos pola falta de entendemento entre as plataformas de pagamento e as entidades bancarias. A nova entidade que reforza a súa aposta móbil é CaixaBank, que a partires de hoxe permite que os seus clientes con tarxeta VISA poidan empregala para realizar pagamentos mediante Apple Pay. A marca de banca móbil da entidade, ImaginBank, tamén se incorpora a Apple Pay.
Dende CaixaBank aseguran ser a entidade «co meirande número de clientes que operan a través do seu móbil en España», de aí que teña moito sentido que aposten polos sistemas de pagamento baseados en smartphones. No caso de Apple Pay os pagamentos poden realizarse con teléfonos a partires do iPhone SE e do iPhone 6, que tamén poden complementarse co Apple Watch (facendo aínda máis natural e áxil os pagamentos). Os usuarios destes dispositivos, para poder gozar de Apple Pay só terán que engadir a súa tarxeta compatible a través da aplicación Wallet, escaneando ou tecleando os datos da mesma.
O sistema de pagamentos móbil pode empregarse practicamente en todos os sistemas de TPV compatibles coa tecnoloxía contactless (de grande implantación en España), aínda que Apple Pay tamén destaca por permitir pagamentos a través de aplicacións móbiles e páxinas web, que benefícianse así da seguridade e comodidade deste sistema de pagamento para pechar as operacións de compra.

PUBLICIDADE