Os clientes de Vodafone utilizaron ata un 28% máis os datos no móbil na rede 5G en agosto

xoves, 29 de agosto do 2024 S. P.

Vodafone España fixo balance da actividade da súa 5G neste mes. Segundo fixo saber, a rede rexistrou a semana do 12 de agosto un incremento no tráfico de datos do 28% comparado coa mesma semana do ano anterior. Ademais, a rede móbil (5G, 4G, 2G) rexistrou un pico no tráfico de datos que supero os 50.000 terabytes, un 2% máis que o ano anterior, no que é un dos momentos con máis tráfico do ano.
En concreto, o tráfico de datos multiplicouse por 3 en zonas costeiras, especialmente en Alacante, Tarragona, Valencia, Xirona, Málaga, Castelló e Cádiz, e multiplicouse por 4 en zonas do interior, en concreto, nas provincias de Zamora, Teruel, Cuenca e Ávila.
As aplicacións máis utilizadas polos clientes durante o verán foron: Instagram (15%), TikTok (11,2%), Facebook (8,8%), e Youtube (8,5%), recortando distancia TikTok respecto a Instagram.
Vodafone explica que foi levado a cabo no seo da operadora “un importante esforzo á hora de reforzar a súa cobertura 5G e 4G nos principais puntos turísticos do país”, fortalecendo a rede en case 200 municipios costeiros de 10 Comunidades Autónomas, incluída Galicia, co obxectivo de “ofrecer a mellor experiencia, conectividade e velocidade de acceso a Internet aos seus clientes durante a tempada estival, tras duplicar a capacidade da rede en 1.000 praias o pasado ano”. A compañía engade que a rede “mantívose estábel durante os meses estivais, grazas ás accións de optimización e capacidade implementadas previamente, con medidas para mellorar a robustez da rede e a monitoraxe continua para atallar rapidamente calquera incidencia ou problema”.