Os clústers audiovisuais de Galicia e Aragón impulsan un proxecto de IA creativa para escenarios virtuais
luns, 6 de novembro do 2023
O
Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e o Clúster Audiovisual de Aragón
veñen de xuntar forzas para desenvolver un innovador proxecto
tecnolóxico, o
proxecto PLATVR: Intelixencia Artificial Creativa para platós
virtuais, que impulsará o mercado XR e de Virtual Production
en España e no resto do mundo.
Financiado
polo Ministerio de Industria, Comercio y Turismo a través das súas
axudas a agrupacións empresariais innovadoras e polos fondos
europeos Next Generation EU, PLATVR representa, en palabras dos
clústers, “un importante avance na optimización de recursos e
tempos na produción audiovisual”. En concreto, PLATVR é un
proxecto estratéxico colaborativo do CLAG, o Clúster Audiovisual de
Aragón, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e dúas destacadas
empresas do sector audiovisual, Magic Fennec e The Mo, especializadas
en VFX e Virtual Production. O proxecto aborda a necesidade de
reducir custes e optimizar a creación de escenarios virtuais, “unha
actividade crítica na produción audiovisual tradicional que consume
recursos considerábles e tempo de implementación”, explican as
ditas entidades, salientando as posibilidades que abren os escenarios
virtuais: “Estes platós ofrecen unha solución prometedora ao
permitir rodaxes ou emisións nunha contorna controlada e a
interacción con obxectos virtuais”.
Para
sacarlles todo o rendemento que ofrecen é polo que xorde PLATVR, que
pon o foco na xeración automática de imaxes que representen
escenarios adaptados ás necesidades específicas de cada produción.
Farao propondo unha investigación en modelos de Intelixencia
Artificial (IA) xenerativa GAN para xerar imaxes bidimensionais
baseadas en deseños existentes no mercado e en imaxes do mundo real.
Así
mesmo, o proxecto enfocarase na aplicación de técnicas de IA
baseadas na aprendizaxe profunda (Deep Learning) para
converter as imaxes 2D seleccionadas en escenarios 3D, “o que
mellorará a experiencia inmersiva ao permitir o movemento de cámaras
nos escenarios virtuais”.