Os coches de Tesla sorprenden cos modos sentinela e can

xoves, 14 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Aínda que os automóbiles de Tesla Motors destaquen principalmente pola capacidade das súas baterías, son vehículos cheos de tecnoloxía, o que abre portas á innovación, como demostran esta semana coa presentación dun par de novidades bastante sorprendentes: o modo sentinela e o modo can.
O modo sentinela engade unha capa de protección aos vehículos de Tesla, monitorizando o contorno ao redor do coche cando está desatendido, de xeito que cando está en espera emprega as cámaras externas para detectar posibles ameazas, como alguén pousándose no vehículo, de xeito que activará unha alerta, indicando na grande pantalla interior que estase a gravar o que acontece e, se detecta unha ameaza maior (como unha rotura dunha fiestra) o automóbil pasará a un modo alarma no que porá a pantalla co brillo ao máximo á vez que reproducirá música a todo volume.
Cando se active a alarma do coche o usuario recibirá unha notificación no móbil, e incluso será posible que poida acceder aos 10 minutos de gravación de vídeo anteriores ao incidente. Esta funcionalidade chegará inicialmente aos Model 3, para espallarse logo aos Model S e Model X fabricados a partires de agosto de 2017.
Pero este sistema de alarma integrado non resulta tan innovador como o modo can, dirixido a condutores que levan os cans no vehículo e que, se teñen que deixalos sos dentro, poidan ter unha opción para que os animais estean cómodos. Mentres os Tesla están neste modo manteñen a temperatura constante na cabina do vehículo e presentan unha mensaxe na pantalla para advertir de que é así, para que os transeúntes non pensen que os cadelos están desatendidos e poidan ter problemas coa calor.
Cómpre lembrar que deixar so a un animal no interior dun vehículo é unha mala idea, e o aire acondicionado non é dabondo para que as criaturas estea seguras un longo período de tempo, ou sexa, que o modo can dos Tesla só pretendería evitar que alguén violente o vehículo ou chame ás autoridades cando un condutor deixe á súa mascota dentro durante un breve período de tempo.

Vídeo de presentación do modo can dos Tesla

PUBLICIDADE