Os coidados e a innovación centran a VI Feira das Emprendedoras en Santiago
martes, 24 de setembro do 2024
A Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela celebra esta semana a súa sexta edición poñendo o foco na economía feminista e dos coidados. Farao a partir deste martes 24 e até o venres 27. O programa, no que colaboran a Concellaría de Promoción Económica e a Universidade de Santiago, a través de Woman Emprende, inclúe actividades gratuítas de formación en liña. O colofón do programa será unha xornada aberta ao público no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, no centro histórico de Compostela.
Na presentación da axenda a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, salientou a colaboración entre o Concello, a Universidade e as empresas en iniciativas coma esta, "unha colaboración imprescindíbel para avanzar nos retos que ten Santiago por diante, tamén nos retos económicos". Sinalou tamén que o evento central da VI Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela será o encontro aberto ao público que se vai celebrar o día 27 no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, desde as 10.00 ata as 18.00 horas.
O programa inclúe catro mesas redondas para reflexionar sobre igualdade, emprendemento feminino ou economía dos coidados. A primeira delas xuntará ás influencers galegas Sara Seco e Leticia Miraz (Leti da Taberna), que falarán sobre como amosan a realidade das mulleres e a desigualdade nas súas redes dixitais. De seguido, haberá outra mesa redonda sobre igualdade, sexualidade e vínculos afectivos, coa participación da experta en igualdade Priscila Retamozo e da psicóloga Lucía Álvarez.
A terceira das palestras contará coa participación de Marcos Saavedra e Paz Picallo, que amosarán a súa experiencia en proxectos innovadores como como Designthinking.gal, Maker Faire Galicia ou VermisLAB. Por último, está prevista unha conversa sobre a invisibilidade do traballo dos coidados, coa xefa de traballo social da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Isabel Sánchez; e a profesora de antropoloxía social e cultural da USC, Guadalupe Jiménez.
Formación en liña
A VI Feira de Outono das Emprendedoras de Compostela complétase cos seminarios de formación en liña, que se desenvolverán do 24 ao 26 de setembro, en horario de 16:30 a 17:30. O programa comenzará o día 24 con Eva María Aguayo Lorenzo, do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX), que reflexionará sobre a economía feminista. Ao día seguinte, María Luz Loureiro García, de ECOBAS, falará sobre a sostibilidade na toma de decisións na empresa e na administración; e xa para rematar, Bibiana Martínez, do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), impartirá o día 25 un seminario sobre a análise da economía circular desde o prisma da economía feminista.
Os seminarios de formación son de balde, están dirixidos á comunidade universitaria e son abertos ás emprendedoras de Compostela. A inscrición pódese facer a través da web womanemprende.org.
O encontro presencial do día 27 será retransmitido, en directo e en aberto, a través da canle de YouTube de Woman Emprende.