Os coliving de nómades dixitais do proxecto Fixar terán este ano unha 2ª edición

xoves, 9 de xaneiro do 2025 S. P.

A Xunta anunciou que lanzará este ano a 2ª edición do proxecto Fixar, destinado a impulsar o talento emprendedor no rural galego a través da fórmula do coliving. Así o fixo saber o conselleiro de Emprego, este xoves 9 de xaneiro, no transcurso dunha visita aos espazos de traballo innovador de Ponte Caldelas (Anceu) e Laxe (iSlow).
Ambos centros, xunto co de Sende, no concello ouresán de Lobeira, forman parte do proxecto Fixar para atraer nómades dixitais, unha iniciativa que o Executivo galego está a impulsar coa colaboración da Asociación Cultural Sende.
José González puxo en valor que “tralo éxito da iniciativa piloto”, desenvolvida en 2024 e na que participaron 60 emprendedores, “o Goberno autonómico botará a andar unha nova edición do programa este ano”. Como novidade, profundarase en determinar potenciais negocios necesarios no ámbito comarcal e avanzarase no aproveitamento de sinerxías locais e coa propia Rede de Polos despregada por toda Galicia, que conta actualmente con 15 oficinas
Visitas
Como dixemos, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou os espazos coliving de Anceu, situado no concello pontevedrés de Ponte Caldelas (en cuxa visita tamén participou o alcalde do municipio, Andrés Díaz), e iSlow, ubicado no municipio de Laxe (A Coruña) e á que asistiu, pola súa banda, o rexedor do devandito concello, Francisco Charlín.
José González destacou que o modelo dos colivings está demostrando ser unha fórmula de éxito tanto para reter como para atraer emprendedores á nosa Comunidade, que atopan no rural e na Galicia non urbana un lugar idóneo para desenvolver o seu proxecto laboral e de vida, impactando nas súas contornas e impulsando así as vilas e comarcas.
Proxecto Fixar
A través do proxecto Fixar, o Executivo autonómico busca “reter e atraer o talento de emprendedores e novos perfís profesionais co obxectivo de que atopen no rural unha oportunidade para convivir e traballar”, así como para seguir creando sinerxías que revertan finalmente en beneficios para toda a Comunidade e para o territorio no que se asentan, aproveitando as posibilidades que hoxe ofrecen as tecnoloxías e a mobilidade laboral.
Neste marco, en 2024 desenvolveuse o piloto da iniciativa, a primeira actuación destas características promovida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración xunto con Sende, entidade que xestiona no concello ourensán de Lobeira o primeiro espazo coliving rural de Europa e que conta con ampla experiencia neste ámbito.
Ao abeiro deste convenio, participaron un total de 60 persoas emprendedoras de diferentes perfís (emprendedores sociais, ilustradores, deseñadores, programadores, artistas...) que tiveron a oportunidade de realizar diferentes estadías nos coliving de Sende, Anceu e Islow. Ademais, recibiron orientación e formación en áreas como a xestión de proxectos, estratexias de emprendemento e networking e ferramentas para desenvolver os seus negocios e iniciativas desde a contorna rural. Isto permitiulles captar novos clientes, ampliar as súas redes de contactos e mellorar a súa estratexia empresarial. Así mesmo, a iniciativa permitiu consolidar unha comunidade activa que segue medrando tanto de xeito online como a través de eventos presenciais, coa celebración das denominadas Xuntanzas Fixar. Asemade creouse un mapa para identificar e estudar os proxectos participantes, co obxectivo de que sexa unha ferramenta de investigación e conexión de oportunidades no territorio ao abeiro dos mesmos.