Os comités de ética de investigación do Sergas fórmanse sobre a IA

xoves, 28 de novembro do 2024 Redacción

Esta tarde o Edificio administrativo de San Lázaro acolleu a celebración da xornada Investigación con datos en saúde. Retos e oportunidades coa intelixencia artificial, inaugurada polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, quen asegurou que «avogamos por que a incorporación da intelixencia artificial á sanidade se realice dunha maneira segura, fiable e ética, da mesma maneira que ocorre cos medicamentos e produtos sanitarios».
Esta actividade forma parte da formación demandada polos propios profesionais que integran os comités de ética de investigación da sanidade pública galega. O xerente do Sergas lembrou tamén que Galicia é pioneira na regulación do uso das tecnoloxías no sistema público de saúde, xa que conta cun Consello Asesor en Intelixencia Artificial nesta materia. Ao mesmo tempo, a Xunta está a tramitar a Lei para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia Artificial en Galicia, que será a primeira a nivel nacional e que tamén regulará o ámbito sanitario.