Os concellos da Coruña póñense na cabeza do Estado en materia de contratación electrónica

xoves, 21 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación da Coruña quere que a eAdministración chegue a todos os recantos da provincia, tal e como informou a finais de xaneiro, subliñando a súa arela de facelo (estender as vantaxes da xestión municipal integralmente electrónica) antes de que remate o ano. Este proceso recibiu hoxe un novo e importante empurrón, co afianzamento da entidade que preside Valentín González no ranking de entidades públicas estatais en materia de contratación electrónica. Este procedemento (a licitación e a contratación integramente dixital) xa é empregado, a día de hoxe, por 90 dos 93 concellos da provincia.
Trátase, segundo explicou o presidente provincial, dun gran avance en materia tecnolóxica e administrativa, non só porque estas transformacións veñen requiridas polo regulamento vixente (esíxeas a Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público), senón tamén polas vantaxes de axilidade, seguridade, eficacia e inmediatez que poñen xogo para a cidadanía e as propias administracións. “Este avance”, explicou Valentín González, “sitúa á provincia da Coruña como unha das primeiras de España en adaptarse á nova lexislación, e foi posíbel en boa medida grazas ao soporte técnico e xurídico que dende a Deputación se vén prestando aos municipios da nosa provincia dende a entrada en vigor da Lei, en marzo de 2018”.
Así o anunciou hoxe o titular do Goberno provincial, que mostrou os primeiros resultados do Plan de Implantación da Licitación Electrónica (PIL) que puxo en marcha a Deputación hai un ano “para dar resposta aos retos que supuña para os concellos coruñeses, principalmente os máis pequenos, a posta en marcha da nova lexislación estatal en materia de contratación pública”.
González Formoso salientou tamén o traballo conxunto desenvolvido polos servizos provinciais de Infomática e Administración Electrónica e Contratación para “fornecer aos concellos de soporte e asesoramento integral, tanto no plano técnico coma no xurídico, para adaptarse á nova Lei de Contratos e conseguir que, en menos de un ano, a práctica totalidade dos concellos coruñeses estean tramitando as contratacións de xeito 100% electrónico, situando a esta provincia nun nivel punteiro a nivel estatal”.
Segundo os datos ofrecidos polo presidente da institución provincial, tras recibir máis de 1.104 consultas, a Deputación da Coruña ofreceu ata o día de hoxe asistencia técnica e xurídica aos concellos na tramitación de 1.007 expedientes de licitación electrónica, por un importe total de 155 millóns de euros.
A entidade provincial colaborou tamén na implantación da Lei de Contratos poñendo a disposición dos concellos os novos pregos tipo e a fórmula de valoración das ofertas económicas, adaptada á nova lexislación e elaborada en colaboración coa Universidade de Santiago.
Por outra banda, a institución formou neste ano a 270 funcionarios de 88 concellos para a posta en marcha dos procesos de licitación electrónica. Unha iniciativa que continuará en 2019 coa posta en marcha do programa PEL-Concello Dixital, que foi presentado (como dixemos máis arriba) a finais de xaneiro. PEL-Concello Dixital suporá un investimento de 693.000 euros para implantar unha administración 100% dixital nos concellos coruñeses en 2019.

PUBLICIDADE