Os contedores de Santiago terán tecnoloxías intelixentes que axuden a evitar desbordamentos

martes, 20 de abril do 2021 S. P.

O Concello de Santiago, a través da Concellería de Medio Ambiente que dirixe Mila Castro, vén de dar un paso decisivo para a posta en marcha de tecnoloxías intelixentes nos contedores de lixo que axuden aos operarios municipais a evitar desbordamentos. A edil informou este 20 de abril dos detalles do novo prego do servizo, aprobado esta semana en xunta de Goberno. Nel tamén se inclúe a renovación de todos os receptáculos de residuos da cidade e establécense novos emprazamentos, amais de maiores frecuencias para a recollida.
Así mesmo, no prego faise constar unha especial atención á recollida de biorresiduos coa implantación dun quinto colector, o marrón.
Segundo sinalou a concelleira, “o novo contrato busca optimizar os servizos que até o de agora se viñan prestando, de xeito que se brindan maiores garantías en canto á calidade da prestación e satisfacción da veciñanza”.
Tamén explicou que unha das novidades do prego radica na incorporación de diversas tecnoloxías smart orientadas á optimización da recollida, que estarán activas tanto nos medios materiais do servizo como nos sistemas de control da prestación, “de xeito que en calquera momento se poida verificar, por exemplo, o nivel de enchido dos contedores, as frecuencias de recollida ou a localización dos vehículos”. A frecuencia de recollida dependerá dese nivel de enchido, que “non poderá superar o 75% da capacidade do colector para evitar desbordamentos”.

PUBLICIDADE