Os creadores de Pegasus terán que indemnizar con 168 millóns de dólares a WhatsApp

martes, 6 de maio do 2025 Marcus Fernández

Un xurado estadounidense ditou sentenza a favor de WhatsApp (propiedade de Meta) nun caso contra a empresa israelí NSO Group, creadora do software espía Pegasus, obrigándoa a pagar indemnizacións polos danos causados por valor de 168 millóns de dólares (concretamente serían 167.256.000 dólares por danos punitivos e 444.719 dólares en compensación de danos). Meta cualificou a decisión como «un paso importante para a privacidade e a seguridade», ao tratarse da primeira vitoria xudicial contra o uso de software espía ilegal que ameaza a cidadanía global.
Segundo detallou a compañía, a decisión representa un aviso claro para o sector da vixilancia por encargo e confirma que os actos ilegais contra tecnoloxías estadounidenses non serán tolerados. A sentenza obriga NSO a facer fronte ás consecuencias das súas accións, e desde Meta anuncian a súa intención de obter unha orde xudicial que impida á empresa volver atacar WhatsApp no futuro.
O caso remóntase a 2019, cando os enxeñeiros de WhatsApp detectaron e frearon un ataque que empregaba Pegasus para espiar máis de mil persoas, incluíndo xornalistas, activistas e diplomáticos. Tras aquela ofensiva, WhatsApp colaborou con Citizen Lab para investigar o sucedido e alertar os usuarios afectados.
No xuízo, por primeira vez, altos cargos de NSO foron interrogados publicamente, revelando o funcionamento interno do seu sistema de espionaxe. Pegasus é capaz de infiltrar dispositivos de xeito encuberto, extraendo información de calquera aplicación e activando remotamente o micrófono e a cámara sen autorización do usuario.
Meta denunciou que NSO non só atacou WhatsApp, senón que desenvolveu múltiples métodos de infección para comprometer tecnoloxías doutras empresas, empregando mensaxería instantánea, navegadores ou sistemas operativos. A compañía israelí recoñeceu investir decenas de millóns de dólares anuais para desenvolver estas ferramentas, que seguen sendo eficaces contra dispositivos iOS e Android.
Meta comprométese a continuar a súa loita contra os vendedores de software espía que actúan sen discriminación en todo o mundo e estuda doar a contía das indemnizacións a organizacións que defenden os dereitos dixitais. Tamén anima os investigadores de seguridade a colaborar co seu programa Bug Bounty para protexer os usuarios de futuras ameazas.