Os creadores dun emulador de Switch indemnizarán a Nintendo

luns, 4 de marzo do 2024 Marcus Fernández

A emulación permite correr xogos de Nintendo Switch en ordenadores persoais, facilitando a piratería e provocando grandes danos, especialmente cando se filtra un xogo antes do seu lanzamento oficial

O lanzamento de The Legend of Zelda: Tears of the Kingdom viuse lixeiramente ensombrecido coa filtración de copias dos xogo antes do seu lanzamento, o que fixo que moitos xogadores descubrisen a existencia de emuladores que permitían correr xogos para Nintendo Switch en equipos informáticos (chegando máis adiante incluso a Android), facendo que Nintendo se puxese en pé de guerra, e denunciase aos creadores dun destes emuladores, Yuzu, acusándoos de grandes danos á compañía nipoa e detallando que provocaron que se descargasen máis dun millón de copias do mencionado xogo de Zelda.
Finalmente pechouse un acordo entre Nintendo e Tropic Haze (compañía detrás dos emuladores Yuzu e Citra) no que os creadores dos emuladores comprométense a pagar unha indemnización por valor de 2,4 millóns de dólares.
Dende Tropic Haze xa anuncian nas súas redes sociais que cesan o soporte dos seus emuladores, incidindo no feito de que están en contra da piratería, e que desenvolveron os seus proxectos de boa fe, pola súa paixón polas consolas e xogos de Nintendo. Recoñecen que este traballo pode ser un problema moi grave ao facilitar a piratería e a filtración de xogos antes do seu lanzamento, estragando a experiencia para os compradores lexítimos dos xogos.
Tropic Haze quita agora da Rede o código dos seus traballos e pecha as súas contas de Patreon e os servidores de Discord, adiantando que pouco despois tamén pecharán as súas páxinas web.
Espérase que con esta nova teñan un efecto disuasorio sobre futuros desenvolvedores de emuladores para consolas que estean aínda estean no mercado, pois poden provocar un serio dano á industria do videoxogo, lonxe do espírito de preservación que habitualmente ten a comunidade retro.