Os cursos Celga 3 ofrécense por primeira vez en liña

martes, 19 de febreiro do 2019 Redacción

O Plan de formación en lingua galega da Xunta de Galicia continúa a súa aposta pola formación en liña para chegar a calquera lugar e adaptarse aos diferentes horarios da poboación adulta, facilitando deste xeito o seu acceso ao coñecemento do galego. En concreto, a teleformación inclúe este ano por primeira vez cursos do nivel Celga 3 que se suman aos dos niveis Celga 1 e Celga 4 xa existentes. Así se recolle hoxe na resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística que publican o Diario Oficial de Galicia e o Portal da Lingua Galega pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 (código de procedemento PL600A).
A convocatoria ofrece un total de 36 cursos, 15 dos cales se impartirán na modalidade presencial, en tanto os 21 restantes se ofrecen na de teleformación. O prazo de presentación de solicitudes abrangue desde mañá, 20 de febreiro, ata o 11 de marzo. No caso dos 21 cursos de teleformación a inscrición debe facerse exclusivamente a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia, na que tamén están a disposición da cidadanía os formularios de solicitude dos cursos presenciais. Cada persoa poderá solicitar un único curso.

Dos 21 cursos en liña que se celebrarán este ano, 3 estarán centrados no nivel Celga 1, 7 no Celga 3 e 11 no Celga 4. Co fin de garantir que a oferta formativa chega a todo o territorio de Galicia, para os niveis Celga 3 e Celga 4 establécense diferentes ámbitos xeográficos nos que se reparten os diferentes cursos. Aos ámbitos provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra engádese este ano o do Bierzo e Sanabria, ao que se destina un curso preparatorio do Celga 4. Deste xeito, favorécese ao acceso á formación en lingua galega e a normalización lingüística nos territorios galegofalantes limítrofes, en consonancia co establecido no Protocolo de colaboración para a promoción da lingua galega asinado pola Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León con data do 30 de agosto de 2006. Haberá tamén un curso Celga 3 e outro Celga 4 que non estarán adscritos a un ámbito xeográfico concreto e aos que poderán acceder persoas empadroadas fóra de Galicia.

PUBLICIDADE