Os cursos gratuítos de capacitación dixital regresan a Vilagarcía con 16 accións formativas
luns, 2 de febreiro do 2026
A Concellería de Promoción do Emprego de Vilagarcía pon en marcha unha nova edición dos seus cursos de inclusión e capacitación dixital. Ofértanse un total de dezaseis accións formativas gratuítas e de diferente nivel co obxectivo de “responder ás necesidades de todo tipo de usuario, tanto para os que se achegan por vez primeira ás novas tecnoloxías como para os que pretenden ampliar coñecementos para uso persoal ou profesional”, en palabras do Concello, que engade que as actividades impartiranse na Aula do CeMIT, no Centro Municipal de Matosinhos, dende mediados de febreiro ata finais de ano.
O departamento que dirixe Álvaro Carou organiza este programa coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), de quen depende a Aula CeMIT emprazada no dito centro municipal.
Como xa se dixo, a formación é de balde para o alumnado e a duración de cada curso varía en función dos temas a abordar, establecéndose entre as 8 e as 30 horas. Comezarán tan pronto como se vaian pechando os grupos.
As persoas interesadas en participar poden anotarse xa ou solicitar máis información dirixíndose ao Centro de Formación de Matosinhos, de luns a venres, en horario de 9 a 14 horas.
O programa divídese en sete bloques, segundo o grao de coñecemento que posúa o alumnado e en función dos obxectivos da formación. Son os seguintes:
- Inclusión dixital. Para persoas que se enfrontan por vez primeira a este tipo de contidos: iniciación á informática e Internet para adultos, correo electrónico, ciberseguridade e aplicacións básicas no teléfono móbil e na tableta.
- Ofimática en software libre: procesador de textos, folla de cálculo, elaboración de presentacións e bases de datos.
- Capacitación avanzada e ferramentas TIC: Canva para principiantes (creación de materiais básicos), traballando na nube coas ferramentas de Google e introdución ao deseño e impresión 3D.
- Orientación ao emprego: redes sociais e aplicacións para a procura de emprego.
- Administración Electrónica: certificados dixitais, sinatura electrónica e carpeta cidadá; trámites electrónicos na sede electrónica do Concello de Vilagarcía
- Ciberseguridade e privacidade: a miña banca dixital e charlas de ciberseguridade para empresas, autónomos e cidadanía en xeral.
- Outras accións formativas: crea e administra a túa plataforma de teleformación con Moodle.
