Os dereitos de autor na Sociedade Rede, a debate nunha nova xornada do CCG

venres, 26 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

O vindeiro xoves 22 de febreiro, o Consello da Cultura Galega convídanos a reflexionar sobre o punto no que se atopan os dereitos de propiedade intelectual co espallamento e a consolidación das novas canles dixitais. A xornada Dereitos de autor, lei aplicábel e percepción social tamén quere ser un chamamento a esculcarmos nas múltiples transformacións radicais que afectaron, da man da chamada Sociedade Rede, os xeitos de crear e difundir contidos, así como de compartilos, “en relación coas contornas analóxicas do século pasado”, unhas contornas que parecen moi afastadas no tempo pero que estaban vixentes, coma quen di, aínda onte.
A cita, que se celebra a partir das 10.00 horas na sede do CCG no Pazo de Raxoi (xeira de mañá) contará coa presenza de José Ignacio Aguaded, da Universidade de Huelva, quen falará sobre as sobrecargas de información, a propiedade intelectual e a chamada edu-comunicación. Asemade, tamén intervirá Javier Díaz Noci, da Universitat Pompeu i Fabra de Barcelona, co relatorio Dereitos de autor e propiedade intelectual. O programa completarase coa presenza de Raquel Xalabarder Plantada, da Universitat Oberta de Catalunya, que afondará nos regulamentos sobre dereitos de auor e na xurisdición competente na era dixital.
O obxectivo desta xornada é “contribuír a difundir as cuestións básicas de dereitos de autor que cómpre ter en conta na Sociedade Rede segundo o novo marco normativo e coñecer aqueles aspectos sometidos a análise e revisión”. Trátase, segundo engade o CCG, de “debuxar desafíos e fixar pasos para as actuacións no traballo diario”, achegando formación en edu-comunicación e coñecemento sobre o marco que rexe no escenario actual. Estes ingredientes, sinala o Consello, resultan “básicos para intervir con eficiencia na Sociedade da Información e o Coñecemento”.

PUBLICIDADE