Os desafíos e oportunidades da transformación foron o eixe dunha nova xornada do ICOIIG

luns, 1 de xullo do 2019 Redacción

José Manuel Pérez Castro nunha charla previa do ICOIIG sobre transformación e innovación

Este venres 28 de xuño o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) regresou a Santiago para ofrecer unha nova charla do seu programa divulgativo da súa Oficina de Transformación Dixital (OTD). Desta volta, o colexio e os seus convidados abordaron a pegada que está a deixar a transformación dixital en materias como o mercado de traballo ou a distribución da riqueza, así como o novo modelo de xestión da innovación tecnolóxica no ámbito empresarial.
José Manuel Castro Pérez, enxeñeiro industrial pola USC e responsábel de Vixilancia Competitiva do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), explicou como a dixitalización non destrúe traballos senón que os transforma. Isto, engadiu, pon de relevo a importancia de formarnos, concienciarnos sobre a implicación dos cambios e adquirir o meirande número de competencias dixitais para afrontar os retos do progreso tecnolóxico na mellor das condicións. “Non se trata de desafíos menores”, dixo, “son tarefas que precisan dunha mentalidade e un esforzo para os que as persoas non foron educadas, xa que o corpo de coñecementos predominante na educación do século XX carecía dos compoñentes multidisciplinares e cognitivos que requiren hoxe a gran maioría de actividades económicas”.
Entre outros aspectos, o relator expuxo como a transformación dixital ten unha elevada capacidade de democratizar os negocios, posto que unha das súas virtudes é facer que trabucarse sexa barato, presente menos riscos. Do mesmo xeito, a xornada detallou a apertura da chamada segunda fenda dixital, as capacidades humanas aumentadas ou a figura dos ciborgs.
Na segunda charla, Daniel Prieto Renda, doutor enxeñeiro industrial e director executivo da empresa Soltec Enxeñeiros, explicou como a industria virou do modelo clásico de innovación ao paradigma 4.0, “pasando do investimento en activos ao investimento en talento e xerando resultados rápidos pola redución de custos das diferentes tecnoloxías”.
Prieto Renda, tamén presidente de AGEINCO, a asociación que dará impulso ao novo Clúster da Enxeñaría de Galicia, comparou o modelo de innovación clásico, baseado na evolución, co novo paradigma, “caracterizado pola disrupción”. En ambos os casos mostrou como se enfoca a súa xestión e como se financia, ademais de detallar as diferenzas de varios exemplos significativos en Galicia.
A xuízo de Prieto Renda, unha das principais diferenzas entre os dous modelos é a importancia que na actualidade ten a velocidade de desenvolvemento das innovacións. “O abaratamento de custos posibilitouno porque fai que os erros non sexan onerosos, primándose desta maneira a realización de proxectos en revisión e mellora continua, o non deterse, fronte ao modelo anterior sometido a unha planificación lenta”.
124 accións nos vindeiros meses
A actividade deste 28 de xuño na Coruña enmárcanse nun intenso calendario de 124 accións coas que o ICOIIG chegará ás sete principais cidades galegas até o próximo mes de setembro. Todas elas son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afondará en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

PUBLICIDADE