Os dominios .gal reciben o outono cunha promoción

martes, 14 de setembro do 2021 Redacción

PuntoGal quere celebrar a chegada do outono e o inicio do curso escolar cunha atractiva rebaixa no prezo dos novos dominios. Nos rexistradores sumados a esta promoción, as persoas interesadas poderán obter o seu .gal por un prezo máximo de 10 euros máis IVE. Os prezos rebaixados estarán vixentes desde o día 15 e até o 31 de setembro.
Para poder aproveitar a promoción, é preciso dirixirse a algunha das empresas rexistradoras (Dinahosting, INWX, Don Dominio, Radia.Cloud, Openprovider, Arsys e OVH.com) que ofrecen distintas políticas de prezos e servizos con rexistro de dominios novos. PuntoGal recomenda visitar todas as páxinas das empresas participantes na promoción e atopar a que se adapte mellor ás súas necesidades.
Esta promoción chega nun momento no que o dominio .gal xa supera os 6.000 rexistros, e para continuar a medrar ampliou o seu programa corporativo de apoio a iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura e as TIC en Galicia. Entre as últimas actividades realizadas figura a colaboración coas Galescolas de fútbol gaélico e o patrocinio do programa de Twitch de divulgación científica en galego Balea Vermella.

PUBLICIDADE