Os dous primeiros xogos de Shenmue sairán á venda este ano

luns, 16 de abril do 2018 Marcus Fernández

Parece que SEGA non quixo deixar pasar a oportunidade de que na segunda metade do ano vaia comercializarse o agardado xogo Shenmue III, e anunciou que as dúas primeiras entregas da saga finalmente relanzaranse para equipos da actual xeración, de xeito que poderemos xogar a Shenmue e Shenmue II en PlayStation 4, Xbox One e PC (Steam) este mesmo ano. Ambos xogos venderanse de xeito conxunto en versión modernizadas que contarán cunha resolución de pantalla escalable, a opción de elixir entre os esquemas de control clásicos ou outros modernos, unha interface gráfica actualizada e a opción de gozar das dobraxes tanto en inglés como en xaponés.
Dende SEGA aseguran que estamos ante a versión definitiva destes clásicos, que ofrecerán a mellor experiencia posible para poder gozar destes títulos que no seu día foron realmente revolucionarios pola súa proposta de mundo aberto en tempo real, con ciclos de día e noite, cambios meteorolóxicos e incluso unha poboación civil que segue as súas propias vidas. Os xogos combinan dende combates de jujitsu, investigacións detectivescas e elementos de rol con minixogos sorprendente, fórmula que conseguiu que a saga callase fondo en moitos xogadores até o punto de facer posible unha secuela tras 16 anos no conxelador.

Grazas a este relanzamento poderemos recuperar os combates de jujitsu de Ryu Hazuki na súa aventura para vingar a morte de seu pai
As novas versións dos xogos contarán con gráficos de maior resolución

Tráiler do relanzamento dos dous primeiros Shenmue

PUBLICIDADE