Os eSports e os videoxogos, presentes no encontro galego-portugués Mocidade

martes, 1 de outubro do 2019 Redacción

Estes luns abriu o prazo de inscrición para participar en Mocidade: Encontro da Xuventude creativa e emprendedora Galicia-Norte de Portugal. A iniciativa, que vén da man do Goberno galego (Proxecto Lidera), pon a disposición das mozas e mozos de ámbalas beiras da raia 400 prazas para formárense en creatividade, emprendemento, cultura e lecer. Favorecerase o intercambio de experiencias, proxectos e propostas, e impulsarase o desenvolvemento persoal e profesional da xuventude, poñendo o foco nas novas ferramentas tecnolóxicas (facendo especial fincapé nos videoxogos). O encontro será na Cidade da Cultural, entre o 25 e o 27 de outubro.
Para favorecer a vertente de empregabilidade, no transcurso da cita, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela habilitará un punto de recollida de currículos.
O programa de contidos da cita será, en palabras da organización, multidisciplinar, moderno e vangardista. Neste senso, farase fincapé en sectores emerxentes como poden ser os videoxogos. De feito, os días 25 e 26 a firma e-Sports contará cunha zona para exhibición na que poderán participar as mozas e mozos participantes.
Este evento está destinado ás mozas e mozos galegos de entre 18 e 30 anos de idade. A inscrición é totalmente gratuíta e dará acceso a todas as mesas redondas, charlas e dinámicas do evento, aos concertos musicais, así como ao aloxamento e manutención durante os tres días do encontro.
O primeiro día a programación contará con dúas mesas redondas, a primeira delas baixo o nome Emprendemento: da idea á realidade e a segunda, Claves para xerar futuro: actitude, aptitude e talento, na que participarán, entre outros, o rapeiro Arkano, o artista Abelo Valis e a deportista galega paraolímpica Desirée Vila. Para finalizar a xornada, haberá música ao vivo a cargo de Baiuca e Ortiga.
O día 26 pola mañá poñerase en marcha un novo relatorio co título Novas profesións: as oportunidades na industria dos videoxogos. Ademais, haberá diversos espectáculos en directo, un de creación de graffitis, unha demostración de cociña e unha charla sobre como funciona un equipo de e-Sports. Pola tarde, haberá unha nova charla, neste caso, ofrecida polo artista El Langui co nome: Xuventude inquieta, xuventude creativa: superación, expresión e creatividade. Tamén na xornada vespertina celebrarase a mesa redonda Comunidade Tech e para rematar de novo con música a cargo de Blanco Palamera, Triángulo de Amor Bizarro e Cora Novoa.
A última xornada, os participantes en Mocidade realizarán o último tramo do Camiño de Santiago, desde o Monte do Gozo ata a Praza do Obradoiro. Por último terá lugar unha actuación de Presumido e The Sunflowers para pechar o evento.

PUBLICIDADE