Os emoji celebran o seu Día Mundial

martes, 17 de xullo do 2018 Marcus Fernández

As emoticonas eran orixinalmente combinacións de letras e outros caracteres que podían interpretarse como expresións faciais (por exemplo, XD representaría unha cara escachando coa risa) que evolucionaría de xeito gráfico principalmente grazas ao pulo dos chamados emoji, adoptados polos teléfonos móbiles no Xapón a partires de 1999, e que máis dunha década despois adoptáronse en Occidente, incorporándose ao estándar Unicode.
A adopción dos emoji foi moi irregular (o iPhone integrouno en 2008, pero só no Xapón, mentres que ou teclado nativo de Android non chegou até 2013), e incluso hoxe temos que a súa implantación non é uniforme, de xeito que cada plataforma e aplicación vai ao seu propio ritmo, estando actualmente en fase de adopción os emoji dentro do Unicode 11.0, estreado o 5 de xuño, e considerado como o conxunto de emoticonas de 2018, que durante o verán será adoptado por plataformas como Twitter e Facebook, mentres que Google e Apple iniciarán a súa disposición para o público no mes de setembro. WhatsApp aínda non comunicou cando actualizará as súas emoticonas.
Aínda que este tipo de elemento gráfico buscaba simplemente enriquecer ou matizar as nosas comunicacións, pouco a pouco convertéronse en toda unha manifestación cultural, e mesmo son casos de debate e reivindicación, con colectivos buscando que estas pequenas imaxes representen unha maior diversidade de sexo e raza, ou que inclúan un elemento que algunhas sociedades poden considerar simbólico. Por iso, non debería sorprendernos que hoxe, 17 de xullo (data que aparece na emoticona de calendario de Apple) celébrese o Día Mundial do Emoji, ao que Apple sumouse dun xeito moi especial, dando conta das novas emoticonas que incorporarán con iOS 12 e incluso mudando na súa páxina web as fotografías dos seus directivos para substituílas polos seus correspondentes Memoji (Animoji personalizados que buscan semellarse aos usuarios e que estrearanse tamén en iOS 12).
Dende Apple lembran que con Unicode 11.0 teremos emoticonas que presentarán máis opcións de personalización para representar a humanos, de xeito que será máis doado representar a rubios, xente co pelo rizado ou canoso, e incluso a calvos. Tamén estrearanse novas caras que engaden máis expresividade ás comunicacións (teremos cara de festa, cara de fío, cara bébeda...) e incluso novos animais (canguro, pavo real, papagaio...) e novos alimentos (cupcake, leituga...).
Cómpre lembrar que aínda que as emoticonas do Unicode 11.0 non están implantadas de xeito xeral (este proceso faise con certa calma, xa que cada fabricante ten que elaborar o seu propio conxunto de imaxes) xa están a traballar en toda unha colección de emoticonas para o ano que vén, que incluía imaxes como unha cara bocexando, obxectos como o paracaídas, os pantalóns curtos, os calzóns, o ioió ou a cadeira, animais como o orangután, o flamenco ou o oso preguiceiro, e incluso alimentos como a manteiga, a cebola ou o allo.

PUBLICIDADE