Os empregados da Administración galega recibirán formación avanzada en protección de datos

luns, 16 de abril do 2018 Redacción

O Goberno galego, a través tres departamentos (a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Vicepresidencia, a EGAP e a Consellería de Presidencia) vén de pór en marcha un programa de formación para dotar de recursos e capacitación TIC aos empregaa, facendo fincapé en cuestións relacionadas coa privacidade e a protección dos datos. Segundo fixo saber o Executivo, esta liña de actualización e fortalecemento dos coñecementos dixitais é o complemento formativo do proceso de dixitalización do que está a ser obxecto a Xunta.
O plan, explicou AMTEGA, brindará este ano máis de 1.200 horas de formación en 55 cursos presenciais e en liña. Os temas a tratar serán múltiples e variados, aínda todos serán (en boa medida) diferentes facianas dun proceso común: o proceso de dixitalización.
Deste xeito, formarase aos empregados públicos en cuestións como a tramitación electrónica integral, as optimizacións dos rexistros ou o uso dos novos sistemas de información como os de notificación electrónica, o de rexistro único ou a plataforma Pasaxe!, entre outros.
Segundo explica AMTEGA, estas achegas formativas tamén responden a un desafío concreto: a necesidade de actualizar os nosos coñecementos sobre os detalles que pon en xogo a entrada en vigor do Regulamento Xeral de Protección de Datos, o vindeiro 25 de maio. Este novo marco legal “implica un importante impacto nas administracións públicas, polo que parte da formación do Plan está orientada a formar e divulgar as novidades desta normativa”, informa AMTEGA.
A Vicepresidencia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento deste Plan durante 2018. En virtude deste acordo a axencia facilitará os perfís docentes e o material didáctico desta oferta formativa e a EGAP, pola súa banda, publicará no DOG e na súa web as diferentes convocatorias de cursos e actividades e os prazos de matrícula correspondentes.

PUBLICIDADE