Os empresarios de Ribeira familiarízanse co sistema Verifactu e coa emisión de facturas electrónicas
venres, 24 de outubro do 2025
Este xoves 23 de outubro celebrouse en Ribeira, no local da Asociación de Empresarios, unha xornada de formación tecnolóxica para as pemes e persoas autónomas locais, unha charla que puxo o foco na facturación electrónica e nas obrigas que teñen as empresas de empregala. A charla Factura Electrónica: Verifactu 2026, impartida pola empresa Dynamics, resultou un éxito de participación, e de feito contou coa presenza de numerosas empresas interesadas en coñecer as novidades e requisitos que entrarán en vigor coa implantación da factura electrónica en 2026.
Na sesión resolvéronse dúbidas e axudouse ás persoas participantes a entenderen que é a factura electrónica, que cambios implica e que pasos deben darse para estar preparados, ademais de explicar que ferramentas serán necesarias e cales son as vantaxes de adaptarse con tempo.
Desde a Asociación de Empresarios destacouse “a alta participación” e “o interese mostrado polos asistentes”, reafirmando o compromiso da entidade coa formación e a dixitalización do tecido empresarial local.
Esta iniciativa estivo co-financiada pola Xunta de Galicia.
Verifactu: que é e cando entra en vigor
A partir do 1 de xaneiro de 2026, todas as empresas e persoas autónomas que emitan facturas terán que contar cun software adaptado ao sistema Verifactu.
Verifactu é un sistema de emisión de facturas verificables, impulsado polo Goberno de España, dentro do contexto de a Lei Antifraudes. O obxectivo é que “as empresas remitan directamente a Facenda as facturas cando se emitan”.
