Os empresarios de Ribeira impulsan unha formación sobre redes sociais ao servizo das pemes locais

mércores, 8 de outubro do 2025 S. P.

A Asociación de Empresarios de Ribeira (AER) vai acoller este mes de outubro unha actividade formativa dirixida a facilitar a transformación tecnolóxica das pemes locais. Trátase da xornada Estratexia dixital: redes sociais con propósito. Conecta coa túa audiencia: impacta e crece. Desenvolverase en formato presencial e terá unha duración de 6 horas.
Estará especialmente dirixida a comerciantes, persoas autónomas e pequenas e medianas empresas. O relator será Fidel Martín, experto acreditado en xestión de comunidades dixitais. Levarase a cabo os días 13 e 15 de outubro.
Segundo informan dende a Asociación de Empresarios de Ribeira, o curso estará aberto a calquera persoa interesada en mellorar a súa presenza dixital e aproveitar o potencial das redes sociais para impulsar proxectos persoais ou empresariais.
Durante a xornada, os participantes aprenderán a dominar as principais plataformas dixitais, con especial foco en Instagram e TikTok para negocios, así como no uso estratéxico da publicidade en redes sociais, a analítica dixital e a vixilancia de resultados.
O obxectivo desta formación é “ofrecer ferramentas prácticas e coñecementos actualizados que permitan a emprendedores, profesionais e calquera persoa interesada na contorna dixital xestionar as súas redes con propósito e estratexia”.
A formación será gratuíta e impartirase de forma presencial no local da Asociación de Empresarios de Ribeira os días 13 e 15 de outubro a partir das 20.30h.
As inscricións cómpre facelas a través do móbil 676484026 ou o correo@empresariosriveira.com. As prazas son limitadas.