Os empresarios do Tambre renden homenaxe este xoves ao Grupo Teleco

mércores, 17 de decembro do 2025 S. P.

A Asociación Área Empresarial do Tambre celebra este xoves 18 de decembro un acto de homenaxe a catro empresas que este ano cumpren 25 asociadas á entidade: AD Grupo Regueira, Gall-Esteril, o grupo tecnolóxico Teleco e TVH Parts. O evento celebrarase ás 20 horas no Centro Empresarial do Tambre, en Santiago. No acto, que estará presentado por Flor Mariño, vicepresidenta da xunta directiva da Asociación, farase entrega aos homenaxeados dun diploma acreditativo e un pequeno agasallo.
Estará presidido polo presidente da Asociación, José Fernández Alborés, e contará coa asistencia de diversas autoridades, como o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a directora Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) da Xunta de Galicia, Covadonga Toca; a deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García; e o reitor da Unviersidade de Santiago (USC), Antonio López; ademais doutros representantes institucionais e das empresas distinguidas.
O acto contará coa actuación musical do Grupo de Pandeireteiras da Agrupación Folclórica Colexiata do Sar. Cinco pandeireteiras amenizarán a noite con panxoliñas e outras pezas do repertorio tradicional. Finalmente, a xornada pecharase cun viño de Nadal.
AD Grupo Regueira
AD Grupo Regueira é unha empresa de distribución de recambio e equipamento de taller, referente en Galicia, Asturias, León e Cantabria. O servizo ao cliente é a base da filosofía da compañía e o motor que lle permite seguir crecendo tras 60 anos dedicados ao sector. A súa sucursal en Santiago está situada na rúa Édison, 54B do polígono do Tambre.
En 1965, o seu fundador, Ramón Regueira Ramos, abría Recambios Regueira nun pequeno local de 100 metros cadrados na céntrica rúa Juan Flórez da Coruña. En pouco tempo, tivo que cambiarse de local por cuestións de espazo. Primeiramente a un na rúa Eugenio Carré ata o seu traslado en 1978 ao polígono industrial da Grela, onde hoxe segue situada a sucursal da Coruña. Así iniciou un percorrido cargado de traballo, esforzo e dedicación que permitiron chegar ata o momento actual, con 61 puntos de venda, dous almacéns centrais e máis de 500 empregados.
Gall-Esteril
Gall-Esteril é unha empresa creada en 1993 por un equipo humano con grande experiencia no sector sanitario, e cunha firme vocación de servizo ao sector. A súa filosofía de traballo ten por finalidade a satisfacción de clientes, traballadores e provedores, e ser un referente no sector cunha actualización constante de produtos innovadores e de alta calidade.
Desde a Cidade do Transporte do polígono do Tambre, na rúa D e nave 25, a compañía ten por obxecto satisfacer as necesidades do sector sanitario mediante a distribución de equipamento e material médico-cirúrxico de alta calidade, ofrecendo produtos cun alto valor engadido a través de acordos de distribución con fabricantes líderes no sector.
Grupo Teleco
Grupo Teleco naceu en 1993 da man dun equipo apaixonado pola tecnoloxía, co obxectivo de achegar ás empresas solucións avanzadas en telecomunicacións, informática e software totalmente adaptado ás súas necesidades. Ao longo de máis de 30 anos consolidouse como un referente no sector, destacando por proxectos de alta responsabilidade, como ser o primeiro servizo técnico externo de Siemens Telecomunicacións no noroeste de España ou liderar a migración a sistemas de comunicación IP en todos os centros de Osakidetza, o Servizo de Saúde do País Vasco.
Un punto de inflexión clave na súa evolución chegou en 2013 coa incorporación de Delta Telecom, un dos primeiros operadores 100 % galegos. Esta integración permitiulles dar un salto cualitativo e converter o seu catálogo nun porfolio completo de servizos propios: internet de alta velocidade, Voz IP, telefonía móbil, redes privadas virtuais e solucións avanzadas de comunicación empresarial.
Hoxe en día Grupo Teleco combina a experiencia acumulada ao longo de décadas cunha aposta firme pola innovación, a mellora continua e o servizo personalizado, trasladando as pemes o mesmo nivel de servizo aprendido nos grandes proxectos. Inviste de maneira constante en I+D e na creación de novos produtos para garantir que cada cliente reciba a solución tecnolóxica máis eficiente, segura e axeitada ao seu proxecto. O compromiso de Grupo Teleco segue sendo o mesmo que en 1993: transformar a tecnoloxía en valor real para as organizacións.
A compañía dispón tamén dunha división de investigación e desenrolo encargada de innovar para mellorar día a día todos os seus produtos.
TVH Parts
TVH Parts é unha compañía, con delegación no polígono do Tambre de, especializada e líder en recambios agrícolas, obra pública e industrial, con máis dun millón de pezas diferentes que conforman un stock extenso e unha base de datos de case 50 millóns de referencias, subministra a clientes en 180 países.
A multinacional TVH fundouse en 1969. Conta con máis de 5.000 empregados e continúa crecendo. Coa súa sede central en Waregem, en Bélxica, TVH opera en 90 localizacións en todo o mundo, entre elas a de Santiago de Compostela.
Pero a empresa compostelá naceu no ano 2000 na Cidade do Transporte cunha nave pequena de apenas 300 metros cadrados e con Ramón Figueroa como único empregado. Logo en 2002, a firma trasládase a outra nave de 1.000 metros cadrados situada na Vía Fadaray. E xa en 2023 asentouse nas actuais instalación na Vía Ptolomeo con 5.000 metros cadrados.