Os enxeñeiros de Telecomunicación distinguirán as mellores prácticas TIC da nosa terra o 22 de outubro en Santiago

luns, 11 de outubro do 2021 S. P.

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021, que serán entregados o vindeiro 22 de outubro nun acto no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Trala pausa motivada pola pandemia, os Enxeñeiros de Telecomunicación retomaron a convocatoria que distinguirá, nunha nova edición, o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) galego por parte de diferentes persoas e empresas.
En total, entregaranse seis premios. O primeiro deles, o Premio Enxeñeiro do Ano 2021 recoñece a traxectoria de María Encarnación Baltar. O xurado tivo moi en conta que foi a primeira muller española graduada como enxeñeira na Universidade de Caracas, e a súa traxectoria á fronte de Eventyam Ingenieros S.L avala o seu perfil para o premio. Xunto a isto, o xurado destacou que María Encarnación Baltar “converteuse nunha referencia nacional no difícil sector de medidas de campos electromagnéticos con traballos pioneiros en toda España, o que para o xurado foi determinante á hora de lle conceder o galardón”.
O Premio Socio de Honra, que recoñece a aqueles persoeiros ou entidades que salienten pola súa promoción das telecomunicacións na nosa Comunidade Autónoma, distingue o labor do Centro Tecnolóxico Gradiant. Como razóns determinantes desta distinción, o xurado tivo en conta o feito de que Gradiant é un centro tecnolóxico de referencia en Galicia, pioneiro no desenvolvemento de proxectos de vangarda e con importante representación do colectivo de enxeñeiros de Telecomunicación.
Pola súa banda, o Premio Axians 2021 á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicación recae este ano na Universidade de Vigo. O xurado valorou como razóns determinantes desta distinción á Universidade de Vigo a súa aposta polas infraestruturas TIC dentro do seu Plan Estratéxico 2021- 2026 para promover a transformación dixital da Universidade. Potenciar a ensinanza virtual, o desenvolvemento da sociedade do coñecemento e a expansión e o emprego das TIC no ámbito da docencia constitúen tamén motivos que fixeron á Universidade de Vigo merecente deste galardón.
Pola súa banda, o Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, premio impulsado pola axencia autonómica AMTEGA, recae este ano no proxecto Escoita 5G. Esta distinción vén motiva pola vocación de utilidade social do proxecto, concibido para mellorar problemas de persoas con dificultades sensoriais. Dende un punto de vista técnico, o proxecto destaca a importancia das características diferenciais da 5G fronte á 4G e a capacidade de comunicación con moi baixa latencia.
Finalmente, outorgaranse dous premios por parte do colectivo de enxeñeiros de Telecomunicación para recoñecer aos mellores expedientes académicos 2019/2020 e 2020/2021 do Mestrado de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Os premios foron outorgados a Moisés Rubén Pacheco e Marcos Martínez, respectivamente.

Sobre a Noite

Con posterioridade ao acto de entrega de premios, no mesmo Hotel Oca Puerta del Camino desenvolverase a Noite Galega das Telecomunicacións, que se concibe, en palabras da organización, “como un relevante acto de networking por parte dos profesionais do sector” e nel está previsto que participen arredor de 200 persoas, principalmente representantes de destacadas entidades, organizacións, profesionais e empresas do ámbito tecnolóxico-dixital.

PUBLICIDADE