Os enxeñeiros en Informática esixen a Inditex un recoñecemento ao traballo dos profesionais galegos

luns, 3 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Fernando Suárez, presidente do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, vén de expresar o seu malestar con respecto ao que considera un novo caso de desleixo no que se refire ao recoñecemento do traballo feito polos profesionais aos que dá acubillo e a fin de contas representa. Segundo conta co colexio, esta nova reclamación diríxese especificamente ao grupo Inditex, arestora mergullado na posta en marcha das tendas en liña das cadeas que integran o grupo. Así, a entidade profesional que preside Fernando Suárez xa lle enviou á empresa téxtil unha carta na que lle manifesta o desacordo dos membros colexiais coas declaracións efectuadas recentemente polo grupo, unhas declaracións que daban a entender que na nosa terra non había preparación nin profesionalidade tecnolóxica de abondo, cousa que o CPEIG considera “un agravio aos profesionais galegos”.
Máis polo miúdo, o comunicado de Inditex viña a dicir que o feito de que radique a facturación dos seus novos negocios en liña en Irlanda responde ao feito de que alí “localízase o coñecemento, experiencia e os recursos tecnolóxicos propios do comercio electrónico”.
A xuízo do CPEIG, esas declaracións representan “un desprezo inaceptable cara ao sector das TIC galego e rozan o insulto aos moitos centos de profesionais do noso sector, na súa grande maioría galegos, que durante os últimos meses deron todo o seu tempo e esforzo, tanto contratados por Inditex como polos moitísimos provedores de TIC implicados, para levar adiante esta experiencia en liña, que está a resultar moito máis exitosa do que a propia empresa nunca imaxinou”.
E continúa: “A meirande parte dos coñecementos, a experiencia e os recursos tecnolóxicos desas tendas en liña, tanto dos frontais web coma da enorme infraestrutura loxística que existe por detrás, non procede de Irlanda (onde si están os servidores e a empresa que factura), senón de Galicia, así como doutras partes de España, aínda que en moito menor medida”.
Segundo engade o Colexio, non é preciso que se lle lembre ao Grupo que mesmo os almacéns centrais que distribúen a mercadoría están fóra de Galicia e incorporan unha boa cantidade de tecnoloxía desenvolvida na comunidade galega para a súa operativa.

PUBLICIDADE