Os enxeñeiros en informática piden medidas para reactivar a aposta española polo coñecemento

mércores, 27 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Unha reunión recente do Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática, o CCII, coa participación do colectivo galego a través do CPEIG

Entre os moitos datos que achega o informe eEspaña 2011 da Fundación Orange, informe do que xa falamos hai uns días dende esta mesma web para dar conta do que nos atinxe aos galegos sobre o mesmo, hai uns cantos datos que non deixan ao Estado en moi bo lugar con relación aos demais países europeos e o seu afianzamento na Sociedade da Información. De feito e para facérmonos unha idea, apúntase a un retroceso de dous postos na listaxe de membros da UE. Estas e outras informacións xa levan días xerando mostras de inquietude, como por exemplo as dos dous principais consellos de informáticos de España (ámbito no que se integran os nosos CPEIG e CPETIG), que cren que é o intre de ollar cara ao futuro e pasar de sermos simples consumidores de información a converternos en produtores de coñecemento.
Lembrar que o informe eEspaña 2011, presentado en Madrid o pasado 18 de xullo, sitúa ao Estado español no posto número 17 en afianzamento de redes a nivel europeo, co que baixa dous chanzos en materia de converxencia con respecto ao ano anterior. Para os colectivos de enxeñeiras/os en informática (o CONCITI, que integra ao CPETIG, e o CCII, no que se insire o CPEIG), hai unha serie de prioridades que piden paso abertamente, como por exemplo a da Sociedade da Información mesma por enriba das propias telecomunicacións (a banda larga, a TDT, o espazo radioeléctrico). A xuízo destes colectivos cómpre preocupármonos máis polo que viaxa nas devanditas infraestruturas, polo miolo que se lle achega ás mesmas, que por esas infraestruturas.
Se o que se busca é que o tecido industrial suceda ao tecido da construción como motor do cambio en España”, argumentan, “o avance da Sociedade da Información non debe ser deixado de lado, xa que o desenvolvemento e retroceso desta, afecta de xeito directo á produtividade e á calidade do resto da industria”. Asemade, tamén se sucederon os requirimentos cara a unha maior participación destes colectivos na actividade estatal de desenvolvemento TIC. Deste xeito, tanto a presidenta do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática (o CONCITI) como o presidente do Consello de Colexios de Enxeñaría en Informática (o CCII), lembraron os días pasados que levan “chamando á porta da Secretaría de Estado, dende a constitución de ámbolos consellos, e que a representación destes non Consello Asesor das Telecomunicacións e a Sociedade da Información que lles corresponde por lei está pendente aínda de cumprimento, malia as continuas peticións tanto por escrito como mediante o Defensor do Pobo”, sinalan.

PUBLICIDADE