Os enxeñeiros técnicos de telecomunicacións reivindican unha Consellaría de Telecomunicacións

venres, 26 de xaneiro do 2024 Redacción

O Hotel Finisterre da Coruña foi o escenario elixido para acoller a cuarta edición de ForoTelecos, ao que acudiron máis dun cento de enxeñeiros técnicos de todo o territorio nacional. O evento comezou cunhas xornadas formativas centradas nunha temática moi importante para o sector: a ciberseguridade.
A primeira delas impartida polo subdirector de INCIBE-CERT e CISO de INCIBE, Marcos Gómez, titulada INCIBE, a ferramenta de ciberseguridade na sociedade dixital. A continuación, o consultor de seguridade e socio de DoingIT, Bernardo Viqueira cun relatorio centrado nos Hackers e finalizou cunha mesa redonda na que se debateu sobre os Retos e Tendencias da Ciberseguridade nas empresas, na que participaron o director de BE:SEC en EMETEL, Fernando Segura, o analista de seguridade de Optar Solutions, Israel Valcárcel e a responsable de analítica en Seguridade e Privacidade en Gradiant, Lilian Adkinson.
A este evento asistiron o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos; a concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas do Concello da Coruña, Nereida Canosa; a subdelegada de Goberno da Coruña, María Rivas e o director da AMTEGA, Julián Cerviño, ademais de deputados nacionais e autonómicos, senadores e outros representantes institucionais e empresariais de Galicia.
Contou nesta edición coa intervención da actual secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, María González Veracruz, quen valorou o traballo exemplar dos enxeñeiros técnicos de telecomunicacións galegos e resaltou que «Galicia é un referente no sector das telecomunicacións e as novas tecnoloxías tanto a nivel nacional como internacional». Ao que engadiu que «as Telecomunicacións e a Transformación Dixital están entre as máximas prioridades do Goberno. En Galicia están a darse pasos moi importantes en sectores como o chip ou a IA , con apoio do Goberno con anuncios como o do centro AESIA, sumada ao investimento en conectividade fixa con máis de 170 millóns para levar fibra a máis de 570.000 fogares ou empresas de Galicia, e os 87 millóns cos que se ampliará o alcance da 5G en municipios de menos de 10.000 habitantes das catro provincias».

A reivindicación da noite

A necesidade de contar cunha Consellería de Telecomunicacións en Galicia foi a principal reivindicación dos enxeñeiros técnicos de telecomunicacións durante a celebración da IV edición de ForoTelecos Galicia.
«As telecomunicacións están omnipresentes e recoñecer esta carteira só reflicte o que é evidente e relevante para toda a sociedade e o tecido produtivo. As telecomunicacións están en todas as competencias de calquera goberno de forma transversal e solicitamos que así se trate ao sector», subliñou José Manuel Martínez, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións (COETTGA), durante a presentación do evento.
«É prioritaria a incorporación de profesionais non alleos ao sector teleco para poder lexislar eficientemente a cuarta revolución das telecomunicacións que estamos a vivir, por iso reivindicamos a inminente incorporación de graduados e enxeñeiros técnicos de telecomunicacións en todos os ámbitos da administración pública e en todas as entidades locais, supramunicipais e autonómicas», destacou Martínez.

Premios Enxeño

Tras a presentación, realizouse a entrega dos Premios Enxeño 2023, a cuarta edición dos galardóns que recoñece a traxectoria de profesionais e entidades no mundo das Telecomunicacións.
– Premio Enxeño 2023 aos ex-xefes provinciais de inspección de telecomunicacións: Félix Canles, Salustiano Pérez, Perfecto Meixengo Armada, Manuel Pereira Pola e Xosé Lois González.
– Premio Enxeño 2023 a Gradiant, recolleu o premio o seu xerente, Fernando Jiménez.
– Premio Enxeño 2023 ao Instituto Nacional de Ciberseguridade, recolleu o seu premio o subdirector de INCIBE-CERT, Marcos Gómez.
– Premio Enxeño 2023 á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, recolleu o premio a súa directora Rebeca P. Díaz.
– Premio Enxeño 2023 Enxeñeiro do Ano pola súa gran actividade laboral e unha traxectoria impecable a Santos Héctor Díaz.
– Premio Enxeño 2023 á Excelencia nas Telecomunicacións ao CEO de Cellnex Telecom España, o teleco galego Alfonso Juan Álvaro Villamarín.
O acto clausurouse coa intervención da concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestrutura do Concello da Coruña, Nereida Canosa, que destacou que a prevención en materia de ciberseguridade ten unha repercusión directa na protección dos servizos telemáticos que se ofrecen aos cidadáns. E lembrou que A Coruña foi o primeiro concello de Galicia en adherirse á Rede Nacional de Centros de Ciberseguridade en 2022.
Puxo o broche de ouro a este evento o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos, que quixo salientar o papel das telecomunicacións como ferramenta para a cohesión do territorio e como garantía de igualdade de oportunidades.

Foto de familia do evento

PUBLICIDADE