Os enxeñeiros técnicos en Informática, preocupados polos problemas de seguridade de LexNET

luns, 31 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Marcos Mata, presidente do CONCITI e do CPETIG durante a sinatura dun acordo recente con AMTEGA

O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática (CONCITI) que preside o galego Marcos Mata (tamén presidente do colexio galego CPETIG) vén de emitir un comunicado no que reflicte a súa fonda preocupación acerca do nivel de seguridade do sistema informático LexNET, que segundo lembra a entidade profesional informática leva “detido” dende o pasado venres tras ser detectado un buraco de seguridade que “deixaba ao descuberto información sensíbel que contería datos de especial protección”. A voz de alarma foi dada polo avogado José Muelas, decano do Colexio de Avogados de Cartaxena, que alertaba da dita eiva de protección o xoves 27. A continuación, o Ministerio de Xustiza recoñecía o problema e paraba o funcionamento do sistema informático LexNET. Como lembraremos, trátase dunha plataforma usada por xuíces, fiscais, avogados e procuradores. Sobre ela sustentan todos os seus procesos.
O CONCITI lembra que durante ese período de tempo no que se constatou a paréntese de seguridade, entre o xoves e o domingo, puidéronse provocar graves prexuízos para todos os trámites xudiciais. “O problema foi tan crítico que o Ministerio de Xustiza constituíu un gabinete de crise”, informa o consello xeral, mostrando ao mesmo tempo a súa “preocupación e malestar” pola falta de regulación no sector, “tanto para os profesionais como pola ausencia de normativa técnica en relación aos sistemas de información que poidan merecer tal singularidade”.
Dende CONCITI, malia que o Ministerio de Xustiza xa informara de que se está tentando emendar a devandita eiva, temen que non se diriman responsabilidades polo fallo, “sistema do que ademais non se coñece a empresa ou empresas que o desenvolveron, algo polo que o Goberno foi interpelado en varias ocasións no Congreso dos Deputados”, engade o consello xeral, que tamén emitiu a súa preocupación “polas responsabilidades relativas á vulneración de normativa en materia de protección de datos”.
CONCITI leva tempo advertindo das “consecuencias da falta de regulación tanto profesional como normativa no sector”. Ao seu xuízo, o acontecido con LexNET é un “exemplo do devandito”.

PUBLICIDADE