Os equipos con certos procesadores Intel Atom non poden gozar das últimas versións de Windows 10

xoves, 20 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Os usuarios de equipos con procesadores Intel Clover Trail que no seu día aproveitaran a opción de actualizar os seus sistemas operativos a Windows 10 de balde están a atopar unha desagradable sorpresa: a última grande actualización do sistema operativo de Microsoft (a chamada Creators Update) non está dispoñible para eles.
Falamos concretamente das tabletas e ordenadores con procesadores Intel Atom Z2760, Z2580, Z2560 e Z2520, que foron moi populares en 2013 e 2014, pero que Microsoft non pode atender de cara a futuras versións de Windows 10 porque Intel deixou de dar soporte a estes procesadores, e sen os controladores necesarios o funcionamento das novas versións de Windows 10 con eses procesadores non sería satisfactoria (poderían padecer problemas de rendemento).
Deste xeito, os usuarios de equipos cos procesadores afectados só poderán gozar como moito de Windows 10 co Anniversary Update, ou sexa, que non terán acceso ás versións do sistema operativo lanzadas a partires de 2017. Aínda que o soporte de actualizacións oficial de Windows 10 para estes equipos debería rematar a primeiros de 2018, Microsoft, consciente do problema, decidiu prorrogar o soporte de xeito que os equipos afectados continuarán a recibir actualizacións de seguridade até 2023.

PUBLICIDADE