Os equipos máis vellos e con Windows 7 ou 8 serán os que máis padecerán as consecuencias de Meltdown e Spectre

martes, 9 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Pese a que nos últimos días comentábase que as medidas para mitigar as vulnerabilidades que aproveitan Meltdown e Spectre podería ser imperceptible para a meirande parte dos usuarios en termos de rendemento dos seus equipos informáticos, dependerá moito de cada caso, e o vicepresidente executivo de Windows, Terry Myerson, está a compartir información ao respecto, dando a entender que as consecuencias dos últimos parches de seguridade serán peores canto máis vello sexa o equipo afectado.
Myerson asegura que os fallos de seguridade detectados está demostrado que tecnicamente son aproveitables para comprometer a seguridade dos equipos informáticos, polo que están a traballar de distintos xeitos para mitigar os seus efectos, como illar as páxinas do núcleo das do modo de usuario (evitando así a Meltdown), mudando os compiladores de aplicacións, actualizando os navegadores web para evitar a Spectre mediante ataques vía web ou eliminar a execución especulativa en situacións de risco (tamén para evitar vectores de ataque de Spectre). Cómpre así manter actualizado tanto Windows como o firmware dos nosos equipos sempre que sexa posible, para contar coas versións máis seguras posibles ante unha ameaza aínda potencial, pero que pode ser moi seria nos vindeiros anos.
No que se refire ao rendemento de ordenadores e servidores tras a aplicación dos parches de seguridade, Myerson destaca que as probas que estamos a ver en distintos medios non son atinadas, xa que non inclúen todas as actualizacións de seguridade que están a desenvolverse, pois boa parte aínda non se publicaron, de xeito que cómpre non precipitarse a sacar conclusións, pero nas probas realizadas por Microsoft constatouse que en equipos con Windows 10 e un procesador de 2016 en adiante o impacto no rendemento sería de 1 único díxito, o que sería inapreciable para os usuarios xa que falariamos de retardos medidos en milisegundos; con Windows 10 e procesadores de 2015 ou anteriores as probas indican ralentizacións máis significativas, de xeito que nalgúns sistemas si sería apreciable a perda de rendemento; con Windows 7/8 e procesadores de 2015 ou anteriores esperan que a meirande parte dos usuarios si perciban a caída de rendemento; e, finalmente, nos equipos con Windows Server (con independencia do procesador) nos que se realicen numerosas operacións de entrada-saída o impacto sería moi significativa, polo que están a analizar como aplicarán as medidas de seguridade para conseguir certo equilibrio entre seguridade e rendemento.
Destacan que son precisamente os procesadores a partires dos Intel Skylake os que se ven menos afectados porque Intel refinou as súas instrucións para evitar a execución especulativa en certas situacións (reducindo o impacto das medidas contra Spectre) e aseguran que Windows 7 e Windows 8 son sistemas que padecen os problemas de xeito máis profundo debido ao seu deseño herdado.
Terry Myerson asegura que nos vindeiros días publicarán os resultados das súas probas.

PUBLICIDADE