Os escolares galegos e portugueses celebran o Día da Radio (e o Entroido) no portal Escolas nas Ondas

martes, 13 de febreiro do 2024 S. P.

O día 13 de febreiro de 2024 coincide este ano co martes de Entroido, e este é precisamente un dos temas estrela dos traballos das radios escolares para o Día Mundial da Radio. O proxecto galego-portugués Ponte Nas Ondas! aproveitou esta coincidencia para lanzar unha escolma de podcast no portal Escolas nas Ondas que abordan a confluencia entre radio, o patrimonio inmaterial de ambas beiras da raia e Entroido.
Tamén se inclue un programa especial dende unha residencia de maiores, a revolución do 25 de abril en Portugal, a tradición muradá das peneiras, unha homenaxe a Carlos o Xestal, o mito de Perseo ou mesmo unha entrevista ficticia con Camões, son exemplo da variedade de propostas.
Un cento de pezas
De Viveiro a Tui, e de Lugo á Illa de Arousa, pasando por Pontedeume, Gondomar, Oleiros, Carballo, Moaña, Bueu... e cruzando a raia cara a Valença, Póvoa de Varzim, Paredes ou Vila Nova de Gaia. Son arredor dun cento de pezas chegadas de ducias de escolas galegas e portuguesas, que se sumaron este ano á celebración desde Día Mundial da Radio. Nenas e nenos desde Infantil a Primaria e mozas e mozos de Secundaria, Bacharelato, FP e tamén alumnado de escolas de idiomas, achegáronse aos micrófonos da emisora escolar para colaborar na xornada.
Sobre os logros de recentes de PNO!
En decembro de 2022 Ponte...nas Ondas! foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) sendo incluída no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España e é a primeira inscrición para Portugal e Galicia.
PNO! vén axudando a que as escolas se involucren cada ano nesta efeméride da UNESCO para a que a institución internacional escolleu este ano o lema Un século informando, entretendo e educando, salientando que a radio escolar é hoxe un medio que forma e educa nos medios de comunicación.
O portal Escolas nas Ondas recolle este martes 13 todas as pezas radiofónicas elaboradas polos centros educativos nas súas aulas e radios escolares durante os días previos a este efeméride.
A lingua é a nosa ponte
Ponte... nas Ondas! recolleu o pasado mércores 7 de febreiro o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Entre outros logros, o xurado destacou as iniciativas transfronteirizas de intercambio lingüístico promovidas en escolas da Eurorrexión, a promoción da identidade común dos pobos dentro dunha perspectiva xeral de integración europea no mundo lusófono, a recuperación e difusión do patrimonio cultural común a galegos e portugueses e o recente recoñecemento pola UNESCO como “modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial).”
No acto de entrega, o presidente da asociación, Santiago Veloso lembrou a toda a mocidade que pasa por Ponte...nas ondas! construíndo e tecendo redes co patrimonio inmaterial galego-portugués. Tamén fixo referencia ao modelo Ponte...nas ondas! que a UNESCO inscribiu e que a Xunta de Galicia vén de implantar no ensino formal.

PUBLICIDADE