Os españois melloran as súas prácticas de protección en liña, segundo un novo estudo da ONTSI
luns, 23 de outubro do 2023
O
Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI), órgano
colexiado de carácter consultivo da entidade estatal Red.es,
presentou o informe Como
se protexe a cidadanía ante os ciberriscos: Estudo
sobre percepción e nivel de confianza en España. Segundo
explica o Observatorio, trátase dunha análise que” combina por
primeira vez as percepcións sobre a ciberseguridade e as medidas que
toma a poboación cunha análise dos seus dispositivos”. Os datos
resultantes reflicten “unha maior concienciación por parte dos
españois ante os novos desafíos que está a crear a
dixitalización”.
Así,
malia que os incidentes seguen sendo unha ameaza permanente, “tamén
constitúen un punto de inflexión no comportamento”, sinala o
estudo, engadindo que “o número de persoas que modifican os seus
hábitos tras ser branco de ciberataques mostrou un aumento
interanual 6,5 puntos, representando o 67,5% dos afectado”.
Ademais, os mecanismos de identificación biométricos convertéronse
nunha das medidas máis recorridas, “utilizada xa polo 45% dos
usuarios”.
A
investigación inclúe como novidade preguntas sobre a protección de
menores e as medidas para asegurar o seu benestar, sendo a máis
común falar con eles sobre os riscos que existen na contorna virtual
(43,8%), limitar o tempo de conexión (40,1%) e a activación de
controis parentais (36,8%).
Polo
que respecta ás redes sociais e os chats, estes servizos mantéñense
como os principais usos que os españois dan a Internet (ao redor do
70%) e os principais motores de interacción no ámbito dixital. O
estudo indaga sobre o emprego destas canles para relacionarse,
desvelando que o 66,9% da poboación que coñeceu xente por Internet
foi a través estas plataformas. Case o 80% afirma ter suficiente,
bastante ou moita confianza neses contactos virtuais descoñecidos,
pero preto do 65% asegura tomar medidas antes de un encontro
presencial.
O
informe mostra un incremento interanual das transaccións financeiras
virtuais, como a banca online (sendo utilizada polo 69% dos
usuarios), os pagos online (62,3%) e o comercio electrónico
(50,3%). Do mesmo xeito que un aumento das preferencias polos
contidos de pago, que medran case 9 puntos (chegando ao 53,2%),
mentres que os gratuítos caen case 8 puntos.
O
escaneo realizado para este estudo revela que “a conciencia por
parte dos usuarios está a mostrar avances importantes, como unha
caída na presenza de malware de 2,5 puntos porcentuais con
respecto ao ano 2021, alcanzando o 56,6% dos dispositivos
analizados”. Amais, redúcese case 4 puntos as infeccións en
terminal Android afectando tan só ao 3%.
O
informe engade que “con todo aínda existen hábitos persistentes
no día a día que vulneran a seguridade dos usuarios españois”.
De feito, o 40,3% admite incorrer nalgunha conduta de risco no último
ano, como descargar arquivos desde webs dubidosas (33,4%). Así
mesmo, un 32,8% admitiu instalar programas desde fontes non oficiais
e case un 30% accede a ligazóns sen ter certeza sobre a súa
procedencia, mentres que o 21,2% abre arquivos de remitentes
descoñecidos. “Este tipo de prácticas provocou un lixeiro aumento
interanual de 5,2 puntos porcentuais dos incidentes de seguridade
declarados con respecto a 2021, alcanzando o 60,5% a poboación
dixital”, sinálase, engadíndose que o problema de seguridade máis
común que sofren as vítimas é a recepción de correos non
desexados (80,4%), ademais do ataque de virus ou códigos maliciosos,
o verse privado de acceso a servizos, perda de datos e a suplantación
de identidade, entre outros. No que se refire a fraudes en liña, o
prexuízo económico experimentado polas persoas entrevistadas foi de
máximo 100 euros.