Os espazos galegos máis innovadores participaron na Coworking Spain Conference
luns, 27 de abril do 2015
Esta fin de semana
celebrouse en Valencia a cuarta edición do evento Coworking
Spain Conference, no espazo Las Naves Collaborative Space, un
congreso anual que reúne aos persoeiros de meirande referencia a
nivel estatal no ámbito desta nova fórmula de traballo (economía,
produtividade e innovación en colaboración). En definitiva, trátase
dun encontro para relatores e emprendedores de todo o ámbito español
compartindo experiencias e achegando os seus puntos de vista sobre “o
movemento colaborativo” a través de conferencias, workshops,
demoshows e barcamps.
A cita levouse a cabo baixo o lema A
Cidade Compartida e contou coa participación de representantes
galegos da fórmula do coworking. Entre eles, WeKCo (A
Coruña), Espazo Arroelo (Pontevedra), Coworking Vigo (Vigo),
DoutroXeito (Santiago de Compostela) e Magma Espazo (Ourense). Tamén
estivo A Factoría de Proxectos, de Bueu.
O galego Juan Diego
Pereiro Areán (WeKCo/WeKAb) participou como relator ao carón de
Alex Hillman (Indyhall), Albert Cañigueral (Ouishare), Javier Megías
(StartupXplore), Pau Rausell Köster (Universidade de Valencia), Mark
Navarro (Crec).
A cita, sinalan dende
WeKCo, serviu entre
outras cousas para deixar clara a consolidación dun novo xeito de
facer as cousas, case un sector en si mesmo: “Hai poucos anos que
abriron os primeiros espazos en España e durante este período foron
moitos os que abriron e outros os que pecharon, pero sen apenas
decatarnos xurdiu unha industria ao redor de profesionais, microPEME
e emprendedores que comparten espazo coa intención de colaborar
entre eles e xerar sinerxías que potencien e fagan medrar os seus
negocios negocios”.
En Galicia, este
movemento está presente principalmente en cidades como Coruña,
Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Ourense, pero tamén en
localidades máis pequenas como Vilagarcía de Arousa, Bueu.