Os estudantes expertos en robótica do IES de Brión, homenaxeados polo seu Concello

venres, 19 de febreiro do 2016 Redacción

A rapazada de Brión acadou importantes recoñecementos nas pasadas edicións de Sensores para Todos e do OSHWDem, a 2015, e o seu Concello quixo tamén celebralo como se merece. A homenaxe escenificouse este xoves 18, precisamente, na casa do consistorio local, nun acto no que participaron os 22 estudantes do IES Brión (primeiro de Bacharelato e cuarto da ESO) que trunfaron nos concursos de robótica dos certames Sensores e OSWDem, e tamén o alcalde José Luís García, e máis a concelleira de Ensino, Iolanda Bouzas. “Como sigades así, o Val da Amaía moi axiña lle vai facer a competencia ao Sillicon Valley”, sinalou o rexedor.
O alcalde brionés felicitou aos rapaces e rapazas por “facer realidade un dos desexos tanto deste alcalde como dos directores do voso centro: dar a coñecer o enorme talento que hai en Brión”. Asemade, ironizou coa idea de ter perdido a conta dos premios extraordinarios de Bacharelato que suma o IES Brión: “Os rapaces e rapazas da Radio EmBrión van camiño de saír no EGM, o grupo de teatro triunfa onde vai, e agora os alumnos de Tecnoloxía Industrial e Debuxo Técnico vos poñedes a fabricar robots e gañar campionatos competindo con institutos de cidades con máis estudantes que habitantes ten Brión”.
José Luís García salientou que estes éxitos son posíbeis grazas á boa formación que se imparte no IES brionés, “e iso hai que agradecerllo especialmente a todo o equipo educativo do instituto, pero tamén ao voso traballo porque só con coñecementos non se fai nada, tamén é precisa unha importante dose de esforzo e traballo pola vosa parte para sacar todo adiante”. Neste sentido, instou aos rapaces a seguir adiante para “buscarlle aplicacións prácticas a estes traballos” porque “nun mundo no que os drons están cada vez máis presentes, quen vos di que o voso robot que detecta zonas escuras non vaia ser utilizado para revisar o alumeado público?”.
Pola súa banda, Xabier Lorenzo, profesor de Tecnoloxía Industrial e Debuxo Técnico, agradeceu o apoio recibido dende o Concello e apuntou que “eu sempre lles insisto en que teñen que ter presente a aplicación práctica do que fan, porque están aprendendo a facer cousas e despois poden chegar a desenvolver máis”.
Luz Ramos, profesora de Tecnoloxía, agradeceu o apoio recibido para poder presentarse a estes concursos “e a algún outro que temos en mente”.
Como lembraremos, o alumnado de Tecnoloxía Industrial e Debuxo Técnico de 1º de Bacharelato obtivo este mes de febreiro o primeiro premio do concurso Sensores para todos, organizado por IGACIENCIA en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O traballo premiado consistía nun sensor localizador de zonas escuras que combina unha pequena cámara, unha placa Arduino, unha Raspberry Pi e diversos compoñentes electrónicos montados sobre unha estrutura con tracción de seu. O aparello ideado, deseñado, construído e programado polos rapaces e rapazas do IES Brión.
Neste mesmo certame, o alumnado de Tecnoloxía de 4º da ESO recibiu unha mención especial polo conxunto dos seus traballos: barra de LED, lámpada de cores, creatopads e new wave beep.
Tres meses antes, estes mesmos alumnos acadaron catro dos seis premios en disputa na Competición Escolar de Robótica OSHWDem 2015, na modalidade Segueliñas, celebrada na Coruña. Nesa competición participaron catro equipos: tres de 4º da ESO na categoría Renacuajo, cuxos robots coparon as tres primeiras posicións; e un de 1º de Bacharelato, cuxo robot acabou 2º na categoría xeral. Neste caso, os robots construídos tiñan que seguir o máis fielmente posible un percorrido marcado cunha liña de cor negra de 2 centímetros de ancho sobre un fondo branco e completamente liso.

PUBLICIDADE