Os estudios galegos MeigaLabs, dos que falamos recentemente para dar conta da súa achega Time Pirates (o seu primeiro xogo para Android), volven á carga para pór á nosa disposición un xogo moi acaido para estas datas de campaña electoral, unha campaña que volve pór de manifesto, coas múltiples e variadas mentiras e disparates dos alcaldables, o moito que cómpre mellorar no ámbito das políticas estatal e galega. O xogo en cuestión tamén vai por este vieiro de amosar o que fica oculto (ou ficaba ata o de agora), xa dende o título co que se presenta no mercado: Alcalde Corrupto (baseado en feitos reais). Constitúe a segunda proposta de lecer tecnolóxico da nova empresa galega.
“Trátase”, comenta Xabier Losada dende MeigaLabs, “dun xogo de tipo clicker no que encarnaremos un rexidor corrupto, sendo o noso obxectivo principal amosar unha fortuna para a nosa conta de Suíza”. Poderémolo facer recollendo billetes (cantos máis mellor, claro) ou realizando contratos non moi legais (enchufando parentes, sendo un cacique en toda regra) e tomando “unha gran variedade de decisións”. Todas elas, como é de agardar, sempre en beneficio de un mesmo.
Amais do devandito, tamén podemos meternos na pel dun político corrupto para facer cousas como irnos de vacacións (intercambio cultural e de coñecemento) con narcotraficantes, mover marcos das fincas ou sacar extractos da nosa conta en Suíza para compartir e gabarnos da cantidade acubillada.
O xogo achégase para a plataforma Android, é de balde e en vindeiras datas MeigaLabs porá tamén a disposición dos usuarios de trebellos de Apple unha versión iOS.
Os estudios galegos MeigaLabs achegan un xogo que nos pon na pel dun alcalde corrupto
Compartir Este Artigo
