Os eventos online, os grandes protagonistas da actividade cultural de Lousame en 2020

mércores, 21 de abril do 2021 S. P.

O Concello de Lousame fixo balance do programa de actividades culturais impulsadas levadas a cabo no termo municipal durante o ano que vimos de deixar atrás. Entre os puntos máis destacados do informe figura unha aposta integral e decidida polos soportes dixitais e as novas tecnoloxías da información para manter viva a chama da cultura, a comunicación e o coñecemento, e non só durante os meses máis crus da crise sanitaria, senón tamén os restantes.
Como dixemos, a Concellaría de Cultura elaborou un informe sobre as actividades organizadas e executadas dende este departamento, que se adaptou ás circunstancias sociais derivadas da pandemia da COVID-19 para xerar contidos culturais para o público familiar. Isto manifestouse na creación, ao longo do 2020, de “numerosos recursos gratuítos que foron difundidos a través da web, dos perfiles en redes sociais e da aplicación móbil do Concello”, informou o dito departamento, engadindo que dende estas canles foron difundidos e promovidos eventos culturais dixitais, acceso a museos, concertos, sesións de ballet, conferencias e charlas, cursos formativos sobre diferentes temáticas, acceso a libros e audiolibros, xogos populares, actividades para nenos e nenas, creatividade, idiomas e vídeos editados polo Concello.
Asemade, no informe faise saber que en 2020 adquiríronse novidades bibliográficas e melloráronse as coleccións da Biblioteca Municipal, realizáronse actividades de dinamización da lectura, e desenvolvéronse programas da Rede Cultural (maxia, lingua a escena, escena ao vivo, visións, teatro, alicerce e monicreques).
Amais, durante o mes de agosto celebrouse o campamento para nenos e nenas, o campamento Infantilandia, e dende ese mes ata outubro houbo sesións de autocine, espectáculos de teatro e concertos.
Pola súa banda, as asociacións culturais locais Son do Pote, Prudencio Romo e C.L.D. tamén recibiron subvencións durante este período para manter a súa actividade.
Felicitacións dixitais
Co obxectivo de “facilitar a situación do confinamento aos máis cativos”, dende Cultura de Lousame púxose en marcha un sistema para felicitarlles o aniversario dixitalmente. Así, todos aqueles nenos e nenas que estiveron de aniversario durante o confinamento recibiron tarxetas personalizadas e, incluso, vídeos de felicitación.
Día das Letras Galegas
No balance do Concello tamén se fai saber que “o Día das Letras Galegas de 2020 foi atípico e moi diferente aos celebrados nos últimos anos”, pero dende “o Goberno local quixemos manter o noso compromiso coa cultura, polo que deseñamos diferentes recursos sobre as figuras de Carvalho Calero e Cernadas”. Isto materializouse en actividades nas redes sociais (onde se compartiu a biografía, a obra e o epistolario de Carvalho Calero, e onde foi lanzada unha unidade didáctica para que os nenos e nenas puidesen aprender máis sobre a súa figura dende unha perspectiva lúdica). Ademais fíxoselles chegar un libro dos Bolechas e proxectouse en redes un contacontos en directo.

PUBLICIDADE