Os expertos en emprendemento piden dende Carballo máis facilidades para competir na era dixital

xoves, 24 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana, o martes, celebrouse en Carballo (no Fórum) a segunda sesión das terceiras Xornadas Empresariais de Bergantiños. A sesión incluíu tres bloques temáticos: o primeiro sobre deseño e mercadotecnia da venda en liña, o segundo centrado nos condicionantes da consolidación empresarial e o terceiro, unha análise comparativa sobre atrancos ao emprendemento. Os participantes coincidiron en que hai unha serie de atrancos (lexislativos, administrativos, etc) que cómpre emendar para que as nosas empresas poidan competir plenamente na era dixital. O encontro veu da man da consultora Eurogabinete coa colaboración do Concello de Carballo, o ICEX e a Asociación Castaño y Nogal.
A xornada comezou cun relatorio sobre Dixitalización dos procesos e deseño de produtos. Importancia da Mercadotecnia na venda dixital, a cargo de Thais Pérez Losada, enxeñeira industrial, que puxo o foco na necesidade de transformar os nosos procesos se queremos sobrevivir no mercado: “A automatización dos procesos industriais chegou aos individuos e as empresas non poden obviar ou adiar a necesidade de realizar a súa transformación dixital se queren competir con éxito”. Isto, dixo, “supón un cambio cultural, estratéxico, operacional e tecnolóxico”. Tamén fixo fincapé nun dos principais requisitos que nos esixen os devanditos cambios: tirar proveito das novas ferramentas tecnolóxicas e dixitais. Estas, sinalou, posibilitan traballos máis breves de fabricación e vender produtos “que aínda non existen”.
O segundo relatorio versou sobre Os novos procesos de venda en liña e as posibilidades do mercado dixital, a cargo de Diego Fraga Casariego, enxeñeiro electrónico e experto en desenvolvemento, sistemas e información a gran escala (Big Data). A súa intervención centrouse principalmente nas “enormes posibilidades do mercado dixital actual e nas últimas tendencias respecto da venda en liña de produtos e servizos”. Segundo lembrou, este mercado está a rexistrar medres exponenciais en roupa e complementos, alimentación, electrónica, billetes de transporte, electrodomésticos, ferramentas, libros, películas e outros produtos e servizos. “O comercio electrónico”, dixo, “é unha gran oportunidade pero tamén unha gran ameaza para o comercio local se non sabemos aproveitala, cuestión que debemos interiorizar”.
O terceiro relatorio da tarde correu a cargo de Antonio Alvarez González, avogado consultor de PEME e director das xornadas. A súa intervención desenvolveuse baixo o seguinte epígrafe: Condicionantes da consolidación e supervivencia empresarial. O relator centrou a súa quenda en debullar (con soporte en datos estatísticos e informes) os diferentes atrancos aos que se expoñen hoxe en día os emprendedores, facendo fincapé nas causas do alto índice de fracasos de mercado. “En España, Galicia e Bergantiños temos moitos negocios e sociedades pero de pequeno tamaño que lles impide consolidarse e internacionalizarse, polo que ao termo do quinto ano non sobreviven máis que o 29% das que se crean e ao décimo, só ficanactivas o 10%”, explicou, poñendo o foco (tamén) no “feito estatisticamente probado” de que crear unha empresa ou darse de alta no IAE como autónomo é moi doado. “O difícil”, dixo, “é medrar e afianzarnos”.
Segundo fixo saber, as causas do fracaso son tres causas principais: por non vender de abondo, por problemas de liquidez e por problemas de xestión interna e desavinzas societarias. A estas cómpre engadir as barreiras e obstáculos administrativos derivados de atrasos na concesión de licenzas de obra e actividade, informes medio ambientais, autorizacións diversas, leis non integradas e interpretacións diverxentes das administracións competentes nun mesmo proxecto, “que inciden negativamente na empresa e o desenvolvemento da súa actividade”.
O cuarto relatorio correu a cargo do arquitecto Julio López Mouriño, quen centrou a súa contribución nos Obstáculos e facilidades comparativas en materia de licenzas. Mercado global e local. Segundo fixo saber, “en España falta información sobre os requisitos e riscos do que supón emprender, custos e obstáculos non contemplados. Hai que informarse antes de emprender. No Reino Unido os concellos asócianse para ter equipos especializados por áreas de servizos, urbanismo e medio ambiente, o que lles permite responder con rapidez. En España, con municipios moi pequenos, con habitantes en descenso e sen técnicos especializados por áreas de competencias, isto é imposible”. Ao seu xuízo, cómpre “adaptar os procedementos das administracións á rapidez que esixe o cambio tecnolóxico e a economía na era dixital e venda en liña”.

PUBLICIDADE