Os fabricantes chineses tamén poderían ter gozado de acceso aos datos dos usuarios de Facebook

mércores, 6 de xuño do 2018 Marcus Fernández

A semana comezaba con acusacións a Facebook de ter facilitado datos dos usuarios e os seus amigos a fabricantes de móbiles, informacións que dende Facebook xustificaban malamente argumentando que os datos dos usuarios estaban seguros por mor doa acordos contractuais entre as partes e a supervisión de Facebook (obviando que tras a polémica con Cambridge Analytica negaban que estivesen a compartir datos con outras compañías), pero a bola de neve non para de medrar e The New York Times volve á carga anunciando que Facebook deu acceso aos datos a marcas chinesas sobre as que os servizos de intelixencia dos EE.UU. poñen reparos.
O xornal norteamericano asegura que entre os acordos de Facebook con fabricantes de telefonía figuraría Huawei, compañía con ligazóns co goberno chinés, o que provocou reparos nos EE.UU. pola ameaza que podería supor para a súa seguridade nacional. Outras compañías como Lenovo, Oppo ou TCL tamén terían acordos con Facebook para acceder a datos dos usuarios, e estas colaboracións aínda estarían en vigor.
Os acordos entre Facebook e os fabricantes de móbiles comezarían en 2007, antes de que Facebook contase con aplicacións móbiles de seu nas principais grandes tendas de aplicacións, polo que buscarían introducir Facebook nos móbiles dun xeito moi profundo, para o que é preciso a colaboración dos fabricantes.
No caso concreto de Huawei, dende Facebook aseguran que os datos compartidos capturaríanse dende os teléfonos dos usuarios e non dende os servidores da compañía chinesa, pero as autoridades estadounidenses están a amosar as súas preocupacións ante a falta de transparencia de Facebook a este respecto, polo que queren explicacións sobre o acontecido xa, esixindo coñecer as medidas que tomou a compañía de Mark Zuckerberg para controlar que os fabricantes chineses non estean a abusar do seu nivel de acceso aos datos dos usuarios de Facebook.

PUBLICIDADE