Os faladoiros de #TanxuVermú seguen esta semana con Guadi Galego e os youtubeiros O Aquele e Olaxonmario

luns, 6 de abril do 2020 S. P.

Quen queira coñecer de primeira man a música que se fai hoxe na nosa terra, coa posibilidade que ofrecen as redes para superar os límites do Estado de Alarma, ten no YouTube da agrupación Tanxugueiras unha boa oportunidade para facelo. As conversas abertas iniciadas a semana pasada, das que falamos polo miúdo en Código Cero, proseguen esta semana coa cantante Guadi Galego, a xornalista Pilar García Rego e os youtubeiros O Aquele e Olaxonmario incorpóranse os encontros virtuais, nomeados baixo o cancelo de #TanxuVermú.
As conversas desenvólvense todos os días ás 13.00 horas a través da canle de YouTube de Tanxugueiras. As figuras convidadas desta semana son Rodrigo Cuevas (6 de abril), Sabela Ramil (terza feira 7 de abril), Teresa Cuíñas (8 de abril), Xosé Touriñán (9 de abril), O Aquele e Olazonmario (10 de abril, Pilar García Rego (sábado 11 de abril) e Guadi Galego (domingo 12).
Amais destas conversas, lembrar que na canle de Tanxugueiras pódense consultar tamén os encontros que Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro mantiveron a primeira semana con Monoulious DOP, Pepe Cunha, Anusha Ramasubramoney, Carlos Blanco, Xosé Ramón Gayoso, Rubén Lino, Rubén Sierra e Álex Hohmann.
Responsabilidade social das e dos artistas
Segundo apuntan dende Tanxugueiras sobre os porqués destes faladoiros, “as e os artistas temos tamén unha responsabilidade social e podemos aproveitar a nosa visibilidade para reforzar os vínculos de comunidade nun momento tan especial”. O obxectivo, tal e como sinala o grupo, “é abordar unha situación excepcional desde un punto de vista distendido e próximo, compartindo co público como vivimos desde o mundo da música e da cultura este momento”.
A programación e horario específico destes encontros anunciaranse cun día de antelación, a partir das 20.00 horas, nas redes sociais de Tanxugueiras (tanto en Instagram coma en Facebook).

PUBLICIDADE