Os fallos de AWS durante a xornada do luns tería sido consecuencia de ataques con drons
martes, 3 de marzo do 2026
O conflito bélico contra Irán dos últimos días está a ter un impacto directo no sector tecnolóxico, chegando a afectar ao negocio de computación na nube de Amazon, que padeceu as repercusións do impacto de varios drons en tres das súas instalacións nos Emiratos Árabes Unidos e en Bahrein, tras os ataques de EE.UU. e Israel contra Irán durante a fin de semana.
Os incidentes producíronse na mañá do domingo. Amazon Web Services (AWS) indicara nese momento que «obxectos» impactaran contra un centro de datos nos Emiratos, provocando «faíscas e lume». Tamén o domingo, AWS sinalou que estaba a investigar problemas de subministración eléctrica e conectividade nunha instalación en Bahrein.
Finalmente o luns, a compañía estadounidense confirmou que os ataques con drons foran a causa das interrupcións do servizo, que provocou fallos en cascada que afectaron a numerosos servizos en liña que operan baixo a infraestrutura de AWS. Estes feitos poñen de manifesto a vulnerabilidade de infraestruturas tecnolóxicas críticas, como os centros de datos, en contextos de conflito militar.
AWS detallou que dúas instalacións nos Emiratos foron alcanzadas directamente, «mentres que en Bahrein, un ataque con dron nas proximidades dunha das nosas instalacións causou impactos físicos na nosa infraestrutura».
Os drons provocaron danos estruturais, interromperon a subministración eléctrica ás infraestruturas e «nalgúns casos, requiriron a activación dos sistemas de extinción de incendios, o que ocasionou danos adicionais por auga».
A firma engadiu que está a traballar con rapidez para restablecer os servizos nas zonas afectadas, aínda que advertiu de que podería levar tempo «dada a natureza dos danos físicos implicados».
Tamén recomendou aos clientes que empregan os seus servizos na rexión que fagan copias de seguridade dos seus datos e «potencialmente migren as cargas de traballo» a outras instalacións de AWS noutras partes do mundo.
AWS advertiu ademais de que o conflito en curso implica que «o contorno operativo máis amplo en Oriente Medio segue a ser imprevisible».
