Os futuros enxeñeiros en aeronáutica e informática do Campus de Ourense coñeceron o programa lunar da NASA
venres, 19 de xuño do 2026
Este mércores 18 de xuño pola tarde o enxeñeiro malagueño Carlos García Galán, director executivo do programa da base lunar da NASA, que sentará as bases para as misións a Marte, ofreceu unha conferencia no Campus de Ourense. A súa intervención, dirixida a alumnado universitario e non universitario, foi organizada por FEUGA, a Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática. Nela falou da exploración lunar e do papel da innovación tecnolóxica e a colaboración internacional no futuro das misións espaciais.
O enxeñeiro malagueño Carlos García Galán posúe unha longa traxectoria na NASA.
Segundo salientou a UVigo, o seu nomeamento como program executive da futura base lunar, sitúao no centro dun proxecto clave para as aspiracións da humanidade na colonización do espazo. Ademais, engadiu a UVigo, o relator xa exercía como subdirector do programa Gateway, que a NASA decidiu paralizar para reorientar os seus recursos e presuposto á construción dunha base permanente no solo lunar.
Á conferencia asistiron non só estudantes do Campus de Ourense senón tamén alumnado das outras universidades públicas galegas, Santiago de Compostela e A Coruña, e alumnado e profesorado de institutos da cidade, que quixeron coñecer de primeira man cal é o futuro da exploración espacial. “A xente”, explicou o relator, “soe pensar en primeira instancia que para traballar na NASA hai que ser enxeñeiro o astronauta, pero en realidade, indicou, nela precísase un amplo abano de profesionais, desde os que traballan na parte do hardware, software ata os que deseñan os traxes ou a comida dos astronautas”. Así lembrou o carácter integrador e multidisciplinar dos seus proxectos.
O convidado salientou ademais que hoxe en día non fai falta estar na NASA para traballar en grandes proxectos espaciais e que a colaboración internacional permite que se poida traballar neles desde a Axencia Espacial Europea e desde empresas e axencias espaciais de moitos países.
Ao finalizar a conferencia e a sesión de preguntas, Carlos García Galán fixo entrega á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus dunha fotografía da Terra tomada dende a Misión Artemis II dedicada por el en agradecemento polo seu apoio á misión da NASA.
