Os futuros publicistas galegos poñen a proba o seu dominio das redes sociais

mércores, 4 de maio do 2011 Raquel Noya

As redes sociais xa non son aqueles xoguetes que nos fixeron gracia o día que demos con elas, e comezamos a fozar á procura dos nosos veciños e amigos da infancia. Agora as redes sociais son moito máis que un entretemento, e case se pode dicir que se trata de plataformas, sen as que as axencias de publicidade están perdidas á hora de facer calquera campaña online.
De feito, tal é a súa utilidade, que as Universidades xa apostaron por elas como potente arma de marketing, e sen ir máis lonxe, a Universidade de Vigo, da man do alumnado de 4º curso de Publicidade e RRPP, puxo a proba estes días a súa eficacia.
Máis polo miúdo, o grupo Pont-e, formado en Facebook por estes alumnos de último ano de Licenciatura, aproveitou a gala Fin de Curso 2010-2011 para poñer a proba as súas capacidades profesionais no emprego das redes sociais, desenvolvendo unha campaña real, na que, ademais de crear o contido, desenvolveron toda a promoción do evento e adaptaron a mensaxe á plataforma na que a querían empregar (Facebook, Twitter ou Linkdn).
A coordinadora deste grupo e alumna da facultade, Alexandra Morgade, apuntou para o xornal da universidade, DUVI, que “como futuros profesionais, o alumnado afonda na vertente formativa destes eventos, máis aló da diversión e de pasar un bo intre”. Xa eu logo, trátase dun grupo onde ademais de divertirse poden “practicar a profesión a través das redes sociais”.
O diario engade que este tipo de prácticas preparan ao alumnado de Publicidade e Relacións Públicas “para realizar labores de community managers ou para ser responsables de promocións en Rede, os postos máis demandados nestes momentos”.
Esta orixinal gala de fin de curso rematou coa proxección dun ’’lipdub’’ ideado, protagonizado, gravado e montado polos propios alumnos de Pont-e, así como coa entrega do premio ao gañador do concurso de fotos ’’fake’’ La foto que no querrías que viera tu jefe, facéndolle entrega dun marco dixital “no que quedarán recollidos todas as lembranzas desta nova xeración que traballou por e para Pont-e”, apunta o xornal.

PUBLICIDADE