Os galegos eliximos a televisión e Internet para atopar información da actualidade
mércores, 17 de febreiro do 2016
O
Consello da Cultura Galega, a través do seu Observatorio, achegou a
segunda parte do Documento
de Traballo (DT-OCG) titulado Ocio
e hábitos culturais (II),
que mide as prácticas culturais e o noso tempo de lecer. Entre as
conclusións máis salientábeis da investigación constátase
definitivamente que as cidades e vilas presentan mellores indicadores
que o rural en cuestión de asistencia e frecuencia de actividades
culturais. No Documento avalíase polo tanto o nivel de fidelidade
que amosamos perante este tipo de convocatorias, amais do
consumo de medios de comunicación, a lectura de libros e os hábitos
no fogar. Entre outras cousas, indícase que a Rede é a nosa segunda
canle preferida para atopar actualidade.
Nun
plano concreto, sinálase que a franxa atlántica (concentrada nas
bisbarras próximas ás cidades da Coruña, Santiago, Pontevedra e
Vigo) rexistra os mellores indicadores de asistencia a eventos
culturais. O Documento adica espazo, asemade, a coñecer en que ocupa
o tempo libre a cidadanía galega: ver a televisión, escoitar a
radio e ler a prensa son ocupacións que están, cun 99,7%, por riba
das relacións sociais (95,8%), seguidas polo hábito de escoitar
música, ver películas, series ou documentais (un 84%).
No
estudo dise que a variábel da idade “exerce un peso moi destacado
en actividades relacionadas coas novas tecnoloxías da información,
a lectura de prensa e a asistencia ao cinema”. E no que ten que ver
cos medios de comunicación, máis da metade da poboación galega
elixe a televisión para informarse da actualidade, seguida de
Internet. Con respecto á radio, o informe pon de manifesto que
baixou a media do seu consumo, do 40,6% ao 38,5%. A investigación
tamén indica que melloraron os indicadores de lectura de libros nos
últimos anos en todas as variábeis analizadas (papel, dixital) e
baixaron case 14 puntos porcentuais as persoas que non lían nunca.