Os galegos multiplicamos case por catro o consumo de datos móbiles dende 2020
xoves, 12 de setembro do 2024
A operadora galega R vén de revisar a evolución recente e a situación actual do consumo de GB en mobilidade en Galicia baseándose no uso de datos das súas liñas móbiles, preto de 400.000, e doutras marcas do Grupo Masorange no territorio. O balance revela información de gran interese para coñecer os nosos hábitos actuais en materia de dispositivos, por exemplo que o tráfico de datos na comunidade no último ano e medio pasou dos 9,6 GB de xaneiro de 2023 aos 14 GB de xullo de 2024. Deste xeito, a media mensual neste período supera os 13,3 GB por liña, o que segundo o balance de R “representa unhas 3,6 veces o consumo de hai catro anos, aínda cando a pandemia disparara a cifra daquela, chegando entón aos 3,7 GB mensuais de media”.
Respecto do uso que se lle dá a estes datos, na investigación lémbrase que as redes sociais e as reproducións en streaming concentran actualmente o groso do consumo de contido audiovisual, quer para usuarios/as, quer para marcas. Engádese que a mellora da calidade do servizo e a irrupción da 5G como tecnoloxía de inxentes posibilidades (que R e outras operadoras están a levar toda a xeografía galega, no caso de R cunha taxa de presenza do 90%) favoreceron tamén que aumentase o número de persoas dispostas a consumir grandes cantidades de datos en mobilidade para cubriren as súas necesidades cotiás.
As chamadas de voz en mobilidade tamén medran
No informe engádese que “lonxe de diminuír ou só de manterse, o número de chamadas móbiles realizadas medra preto dun 28 %, ao pasar de 170 chamadas mensuais por liña en xaneiro de 2023 a 217 en xullo de 2024, mes que bate a marca en consumo de voz do período. Así, a media mensual de chamadas sitúase nas 191 por liña e a duración media de cada unha delas supera lixeiramente os 2 minutos.
Venda de smartphones e picos estacionais
Logo do boom da venda de móbiles dos últimos anos, as estatísticas reflicten en 2023 un descenso na comercialización de terminais, sobre todo provocado pola inestabilidade xeopolítica e a incerteza inherentes ás guerras, factores que repercutiron na industria tecnolóxica. Malia isto, R foi quen de detectar na nosa terra un incremento da venda de teléfonos móbiles do 10 % no último ano, “o que revela de novo o dinamismo deste mercado en Galicia e o progresivo equipamento e acceso da poboación galega ás novas tecnoloxías”.
O estudo de R amosa tamén picos estacionais asociados ao aumento do consumo de datos xeralmente a partir de primavera e de cara ao verán, momentos de maior mobilidade da poboación fóra dos seus domicilios. Como consecuencia deste aumento sensíbel do uso de datos móbiles “increméntase paralelamente a demanda de tarifas de datos ilimitados nos últimos anos; de feito, na actualidade máis da metade dos/as clientes/as de R dispoñen de GB sen límite nos seus móbiles con 5G fronte ao 11 % que representaba ese grupo de usuarios/as en 2020”, explícase no estudo de R.