Os galegos xa podemos autorizar a outra persoa dende a eSede da Xunta para realizar os nosos trámites

luns, 26 de abril do 2021 S. P.

O Goberno galego vén de informar dunha importante novidade no ámbito da Administración Electrónica, destinada a facilitar a relación da cidadanía coas institucións e mellorar tamén o funcionamento destas. Segundo fai saber a axencia AMTEGA, neste intre calquera persoa de Galica pode xa autorizar a outra dende a sede electrónica da Xunta para realizar os seus trámites entre as administracións. A autorización, que é de balde, pode facerse dende o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos.
AMTEGA sinalou que “a persoa que outorga o poder ten a opción de facelo desde a propia sede electrónica ou de xeito presencial”. Tamén fai saber que a autorización terá unha vixencia máxima de cinco anos, aínda que se pode outorgar por un período inferior e renovala. Pode ser revogada en calquera momento pola persoa que a outorga e a persoa apoderada poderá tamén renunciar ao apoderamento.
O novo Rexistro de Apoderamentos créase no marco da Lei de Administración Dixital de Galicia e está regulado no Decreto publicado polo DOG o pasado 18 de marzo.
Neste momento, a tramitación pódese realizar na sede electrónica da Xunta de Galicia. O servizo comezará a estar dispoñíbel esta semana nas oficinas de rexistro das sete cidades e estenderase progresivamente ao resto das oficinas da rede autonómica.
O decreto establece tres tipos de poderes:
1. Un poder xeral, para que a persoa apoderada poida actuar ante calquera administración ou entidade instrumental.
2. Un poder limitado a actuacións administrativas ante a Xunta de Galicia ou ante unha entidade instrumental concreta.
3. Un poder aplicable unicamente para a realización de trámites especificados no propio documento.
AMTEGA engade que os poderes terán unha vixencia máxima de cinco anos e poderán ser revogados en calquera momento, tanto pola persoa que outorga o poder como pola persoa apoderada. Tamén se poden outorgar poderes cunha vixencia máis limitada no tempo, que poderán ser prorrogados ata os cinco anos.
A axencia explica tamén que a posta en marcha do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos atende unha demanda social que “se incrementou coa extensión do uso da eAdministración como consecuencias da pandemia por COVID-19”. En base a isto, “o rexistro facilitará o acceso a este modelo a persoas que non están habituadas ao uso da tecnoloxía dixital ou que, por calquera outra circunstancia, non poidan facelo”, explica o Goberno galego, engadindo que a día de hoxe o 78% das anotacións no sistema único de rexistro de Galicia en 2020 realizáronse por canle electrónica.

PUBLICIDADE