Os grandes desafíos da Intelixencia Artificial debátense en Santiago no marco da ECAI 2024
luns, 21 de outubro do 2024
- O reitor intervindo na inauguración nunha imaxe de Santi Alvite (USC)
Santiago é este días un referente da IA mundial: o mellor sitio posíbel para coñecer os principais avances rexistrados así como sobre os retos e desafíos que deberá afrontar a Intelixencia Artificial no futuro inmediato, retos e desafíos que teñen relación directa co regulamento, coa ética ou co potencial das tecnoloxías avanzadas para axudar á humanidade a emendar os seus principais problemas ambientais, sanitarios ou sociais. Esta é a base de traballo da European Conference on Artificial Intelligence (ECAI 2024), organizada esta semana en Santiago polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) e promovida pola Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI) e a Sociedade Española de Intelixencia Artificial (AEPIA).
No acto de apertura celebrado este luns 21 de outubro no Palacio de Congresos, o reitor Antonio López agradeceulles aos organizadores do evento elixir a cidade de Santiago, cunha universidade con máis de 500 anos de historia e que está “adestrando e formando os profesionais do futuro”. Así, destacou o compromiso da USC coa investigación neste eido, a través de centros singulares coma o CiTIUS e a colaboración con organismos e institucións para desenvolver proxectos nos eidos da medicina personalizada, deseño de microelectrónica para semicondutores ou ferramentas de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega.
- As e os participantes na inuguración da conferencia sobre IA/Imaxe de S. A.
Pola súa banda, o director do CiTIUS e presidente do comité organizador, Senén Barro, salientou o feito de que esta é a segunda ocasión na que Compostela acolle a Conferencia Europea de IA, despois de facelo de “con éxito en 2020, en plena pandemia, pero de forma exclusivamente dixital”. Barro subliñou que esta edición coincide co 50 aniversario do primeiro congreso sobre IA, o que indica que non é un ámbito de investigación recente e pediulles aos gobernos un “apoio decidido ao desenvolvemento da IA” na nosa comunidade.
No acto tamén interviñeron o Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o director da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), Ignasi Belda; o director de Asuntos Gobernamentais da UE de Microsoft Corporation, Jeremy Rollison, e o director de Banca Institucional de Galicia de Santander España, Luis Pernas.
“Que esta prestixiosa conferencia volva a nosa terra é mostra da crecente relevancia desta Comunidade como punto de encontro para a ciencia e a innovación en Europa”, sinalou o conselleiro de Educación, subliñando o compromiso do Goberno galego a prol da IA, clave para o desenvolvemento da nosa terra: “Traballamos para situala como un eixo estratéxico do impulso económico, social e territorial da nosa Comunidade”.
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco fixo especial fincapé no esforzo que está a realizar o Goberno de España para que o avance desta tecnoloxía sexa un auténtico desenvolvemento social, “de maneira que a revolución tecnolóxica que encarna a IA sexa posta ao servizo da cidadanía”. Nun plano máis concreto, destacou a posta en marcha na Coruña da sede da AESIA, que “fará de Galicia a capital europea deste tipo de tecnoloxías” e que levará a cabo “accións decisivas para establecer unha idónea regulación e investigación da IA”. Lembrou tamén a aprobación por parte do Goberno da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, que vertebra as súas accións neste eido. Con ela, “España fai todos os esforzos para xogar un papel clave a nivel internacional no desenvolvemento desta tecnoloxía”, en palabras do delegado.
Contra as noticias falsas
No relatorio inaugural, a profesora de Procesamento de Coñecemento Ubicuo da Universidade Técnica de Darmstadt en Alemaña, Iryna Gurevych, presentou o Missci, un novo modelo teórico de argumentación contra os razoamentos falaces para desmantelar as narrativas enganosas baseadas en interpretacións falsas de publicacións científicas e alertou de que a “desinformación supón unha ameaza crecente para a nosa sociedade que se estende moi rapidamente”, debido ao volume de información e á relevancia do seu contido.
A profesora Gurevych lembrou que as crenzas das persoas a miúdo non dependen da afirmación e o razoamento racional, “senón de contido críbel que fai que a afirmación pareza máis confiábel”, como publicacións científicas ou contido visual “que foi manipulado ou provén de contextos non relacionados”. Os seres humanos “tendemos a crer con máis facilidade a información que nos chega de forma visual, a través de imaxes”, engadiu.
Récord de relatorios e asistentes
Fontes da USC lembraron que a conferencia ECAI 2024 supón un evento de récord, tanto polo número de relatorios presentados, que supera o medio milleiro, como polo número de asistentes, arredor de 1.600, e relevancia dos seus contidos.
No encontro haberá espazo para analizar como a IA está reconfigurando diferentes sectores de actividade, examinando as previsións de crecemento económico, as tecnoloxías implicadas, as diferenzas entre países e rexións e o papel dos estados e a industria. Afondarase tamén no terreo das certezas e dúbidas sobre a posible aparición dunha economía baseada na IA, en particular o desemprego tecnolóxico e a deslocalización de postos de traballo, así como a concentración de riqueza e poder nunhas poucas empresas e países.
Tamén se abordará o deseño de políticas de investigación en IA éticas e confiábeis para Europa, que busca estimular un modelo de investigación e desenvolvemento de IA centrado no ser humano, e fiable desde todos os puntos de vista.