Os grandes partidos políticos adoitan crear en Twitter comunidades dispersas

venres, 12 de xaneiro do 2018 Redacción

As contornas políticas máis tradicionais xeran en Twitter comunidades dispersas. Esta, en liñas xerais, é unha das conclusións que se pode tirar do estudo sobre redes sociais e partidos polo realizado polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán, e maila investigadora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro. En termos máis concretos, o seu traballo buscou afondar na estrutura xerada en Twitter polas principais formacións políticas en Galicia durante a campaña das eleccións municipais de 2015.
O estudo, recollido nun artigo da revista El Profesional de la Información, amosa como os “partidos tradicionais”, PPdeG e PSdeG, artellan en Twitter “comunidades dispersas”, nas que a interacción coa “conta matriz”, o perfil autonómico, vese complementada por “grupos de usuarios que interactuan co partido de maneira indirecta”, o que é reflexo, explica, “do seu asentamento local e a fortaleza da súa estrutura política”.
Este modelo foi tamén o que definiu a actividade de Podemos Galicia durante estes comicios, mentres que formacións como EU e Ciudadanos presentan “redes xerárquicas” na que a relación co perfil da formación é máis directa. O BNG, pola contra, constituíu neste estudo o único caso de “rede heterárquica”, aquela na que se produce unha maior “conectividade” entre as diferentes comunidades de usuarios. Segundo engade Xabier Martínez, “as eleccións municipais son as que temos máis próximas, nas que podemos dirixir aos candidatos ou candidatas de maneira máis sinxela, porén son as menos estudadas”, sinala este investigador, que no artigo Lazos invisibles de la comunicación política. Comunidades de partidos en Twitter en unas elecciones municipales, buscaba analizar a rede de relacións que “se tecen arredor dos partidos políticos nun contexto electoral municipal”, a partires da análise de 53.000 chíos publicados entre 0 20 de abril e o 31 de maio de 2015.

PUBLICIDADE