Os grandes retos tecnolóxicos da Galicia post-COVID terán resposta no #HACKatHOME

venres, 19 de xuño do 2020 S. P.

Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) presentou este venres, vía online, o primeiro hackathon virtual da nosa terra: o #HACKatHOME, que se celebrará do 27 ao 30 de xuño co obxectivo de desenvolver solucións innovadoras que saian ao paso das principais demandas da industria, o comercio e o emprego neste contexto de post-emerxencia sanitaria. A directora da axencia, Patricia Argerey, enumerou na presentación algunhas destas demandas: máis seguridade para as persoas, mellores espazos de traballo para evitar a dispersión do virus, espazos comerciais libres de infeccións, máis e mellores posibilidades de teletraballar, unha máis avanzada coordinación de equipos empresariais, etc.
O hackathon virtual unirá, de xeito remoto, persoas de diferentes ámbitos relacionados coa innovación, co apoio de empresas tecnolóxicas, universidades e centros tecnolóxicos. “O #HACKatHOME”, dixo a directora de GAIN, “ofrece unha experiencia intensiva de creación de catro días de duración na que se intentará desenvolver dun xeito áxil prototipos e solucións innovadoras con formato transversal, aberto e de aplicación o máis inmediata posíbel no ámbito industrial, comercial e do emprego”.
Do 27 ao 30 de xuño, empresas tecnolóxicas, universidades e persoas innovadoras traballarán para dar solución a 5 retos cos que adaptar o tecido empresarial á nova realidade. O #HACKatHOME pretende involucrar a estudantes e profesionais da programación, a investigación, o deseño e “a calquera persoa que crea que traballando en grupo e colaborando é posíbel sentar as bases coas que construír solucións, tanto físicas como dixitais, para afrontar os cambios aos que se enfronta a sociedade”.
Os participantes poderán presentarse individualmente ou en grupo, pero todas as persoas formarán equipos de traballo co fin de aproveitar a sinerxía á que dá lugar a cooperación.
Durante 4 xornadas intensivas de traballo, cada equipo presentará unha ou varias propostas de produtos físicos ou solucións TIC e converteraas nun prototipo mínimo viábel.
Os integrantes contarán coa axuda dun equipo de mentores e titores ligados ao mundo empresarial que os asesorarán sobre as liñas xerais dos proxectos e os detalles técnicos e poderán gozar, para atopar inspiración, dunha serie de minieventos paralelos ao hackathon.
O #HACKatHOME conta coa colaboración de preto de corenta entidades, entre as que se contan clústers e asociacións empresariais de Galicia (Clúster TIC, ACLUNAGA, COINTEGA, Bioga, Clúster Alimentario de Galicia, CEAGA, Federación Galega de Comercio, Clúster Madeira, DiH DATAlife e Clúster Saúde Galicia), empresas de primeiro nivel (Grupo Nueva Pescanova, Imatia, Zendal, Televés, Kelea, Hack a Boss e No Legaltech), as tres universidades galegas e centros de coñecemento, centros tecnolóxicos (Instituto Tecnolóxico de Galicia, Gradiant, ATIGA, CTAG e CETIM), outras organizacións e axentes (CESGA e o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia), así como distintos departamentos da Administración autonómica.
Solucións a cinco desafíos
A través de #HACKatHOME darase solución a cinco retos, sen que exista para conseguilo ningún tipo de límite en canto a ideas ou utilización de tecnoloxías: desde propostas de aplicación hardware e prototipos de software ata propostas de redefinición de metodoloxías. Poderán utilizarse para o seu desenvolvemento aplicacións software, tecnoloxías móbiles, Realidade Aumentada, xeolocalización, Machine Learning, Intelixencia Artificial, robótica, blockchain, Internet das Cousas, etc.
O período de inscrición ficará aberto ata as 23:59 horas do 21 de xuño. Tras 4 xornadas de traballo intenso, os 3 mellores proxectos contarán cun apoio económico de 1000 euros e un seguimento específico por parte das entidades colaboradoras do hackathon.

PUBLICIDADE