Os grandes xogos de Halo completan o seu lanzamento en PC e adáptanse ás novas Xbox

martes, 17 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Levamos bastantes meses recibindo con contagotas en PC os xogos que compoñen o Halo: The Master Chief Collection, e o último título que faltaba para completar a colección por fin está aquí: Halo 4. Deste xeito nos xogos principais da saga de Halo están dispoñibles para Xbox One e PC (a través de Steam e da tenda de Windows 10), pero non quixeron deixar a cousa aí, e hoxe tamén incorporaron a súa optimización para Xbox Series X/S, de xeito que nas novas consolas será posible gozar da súa campaña e multixogador a 120 fotogramas por segundo, podendo chegar os gráficos até 4K en Xbox Serie X e até Full HD en Xbox Series S. O xogo tamén conta con campo de visión axustable e multixogador a pantalla partida.
Aínda que este recompilatorio pode adquirirse a un prezo máximo de 39,99 euros, ao estar incluído en Xbox Game Pass está aberto a un número de xogadores impresionante, de xeito que a maioría de usuarios dunha consola Xbox ten facilidades para gozar das distintas entregas dunha saga que definiu esta plataforma e que, por desgraza, non conseguiu estrear unha nova entrega a tempo para o lanzamento das novas consolas, de feito, Halo Infinite, que tería que terse lanzado esta semana, pode considerarse un xogo con data de lanzamento indeterminada, sendo incluso posible que non cumpra coa promesa de ver a luz ao longo de 2021, se dende 343 Industries non conseguen que chegue aos estándares de calidade que debe cumprir un título dunha franquía tan emblemática.

PUBLICIDADE